O luns día 2 de maio saín dar unha volta a ver qué se movía pola ría. A pesar de adicarlle escasa hora e media, e de non coller a marea nas condicións que máis me gusta, sempre se ven cousas no estuario do Eo.
Comezo contando que na praia de Salías, co mar xa bastante lonxe, puiden observar un bando duns 50 pilros comúns (Calidris alpina) alimentándose na beira. Xunto cun par de mazaricos chiadores (Numenius phaeopus), abundantes gaivotas e algún lavanco (Anas platyrhynchos), pouco máis había por alí.
Pilros |
Mazarico chiador |
A seguinte parada fíxena no porto da Veiga, onde a sorpresa deuma esta mobella grande (Gavia immer) que buscaba alimento nesta zona interior da ría. É a primeira vez que vexo unha mobella nesta zona, e tamén a primeira vez que a vexo nesta época do ano, ben entrada xa a primavera, o que non é moi habitual. Ainda que tampouco é algo excepcional, está claro.
Por alí andaban tamén algúns lavancos e un par de biluricos bailóns (Actitis hypoleucos).
Bilurico bailón |
Lavancos |
Pasando xa á beira galega, na ampla zona intermareal do Muro das Lamas, o máis destacado era a presenza dun grupiño de 15 mazaricos chiadores.
E entre o Muro das Lamas e o Puntal, apareceron tamén 2 biluricos pativerdes (Tringa nebularia), 1 garza real (Ardea cinerea), 1 garzota (Egretta garzetta) e varios corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo).
Isto é todo por esta vez. Graciñas por entrar no blog e ata a próxima.
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com
Ostras, pois o raro é que esa Mobella non tivese plumaxe nupcial (sería xoven, deduzo). As datas entran dentro do posible. Recordo ver Mobellas grandes nupciais en Ortigueira precisamente no día das letras galegas (non lembro o ano). Qué mágoa que daquela non tiña cámara porque eran espectaculares...
ResponderEliminarUn abrzao, Quique..
PD: Sinto moito que esteas "sufrindo" polo bosque mediterráneo castellano, lugar que, como sabes, detesto enormemente. Qué se lle vai facer!