Páginas del blog Ría de Ribadeo

Mostrando entradas con la etiqueta platalea leucorodia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta platalea leucorodia. Mostrar todas las entradas

domingo, 7 de noviembre de 2021

Cullereiro anelado NC45, de orixe holandés

Cada ano son máis os cullereiros que temos na ría. Onte contei 44, e si todos eles se quedan a invernar aquí, a cifra suporá un novo récord para a especie como invernante no noso estuario. Entre eles había varios exemplares anelados (polo menos 3). Un deles este, con anela branca con código NC45.

 


 

Trala oportuno envío da lectura do código ós xestores do proxecto de anelamento en Holanda, éstes enviáronme os datos do individuo. Foi anelado o 28 de xuño en Den Oever, polo anelador neerlandés Leon Kelder. E esta observación é a primeira cita reportada tralo seu anelamento. Así pois, trátase dun xove exemplar que está na súa primeira grande viaxe migratoria (1.374 km en liña recta entre Den Oever e a Ría de Ribadeo). Agardemos que sexa a primeira de moitas, e que poidamos velo por aquí moito tempo.

 




 


Saúdos e ata a próxima.


Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons  

Enrique Sampedro Miranda 

Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

jueves, 21 de mayo de 2015

Limícolas en paso pola Ría de Ribadeo



A pasada fin de semana estiven de novo en Ribadeo, e fun dar unha volta pola ría para ver si había algo de movemento de limícolas en paso. Pero non había moita cousa. Polo menos en Salías un pequeno grupiño formado por 15 píllaras reais (Charadrius hiaticula) e 9 pilros comúns (Calidris alpina) permitiume deleitarme a gusto sacándolles fotos. Qué fermosas son estas pequenas aves.












No Muro das Lamas había un par de cullereiros (Platalea leucorodia) e dous mazaricos (Numenius spp.) pousados nunha rama moi lonxana varada no medio da ría. Só levaba os prismáticos, e non puiden diferenciar si eran reais ou chiadores.




A parte do mencionado, e dalgúns lavancos (Anas platyrhynchos) e gaivotas, nada máis que destacar.

Saúdos e ata a próxima entrada.



Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

miércoles, 31 de diciembre de 2014

Últimas fotos do ano 2014 pola ría

Pois aquí van as últimas fotos que saquei pola Ría de Ribadeo neste ano 2014 que está a piques de rematar. Son destes últimos días, nos que andiven pola ría. Estiven facendo o censo de aves invernantes, do que colgarei os datos na próxima entrada. Ata entón, feliz 2015 a todos.

Ría de Ribadeo





Limícolas, ardeidas, láridos... Un pouco de todo.




Corvo mariño na enseada da Lieira




Mazaricos




Mazarico real




Garzas, garzotas e cullereiros




Cullereiros




Mazarico real e pilros comúns




Garzas reais, garzotas, corvo mariño, gaivotas patiamarelas e gaivotas escuras




Gaivotas patiamarelas e gaivotas choronas




Bilurico bailón




As Figueiras (Asturias)




Lavandeira branca




Garzas reais, garzota e cullereiro




Aguia pescadora





Limícolas


Mergullón de pescozo negro










Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

jueves, 13 de noviembre de 2014

Así vai a invernada pola Ría de Ribadeo



O domingo 9 de novembro fixen a miña última saida pola Ría de Ribadeo para ver cómo vai a invernada. E hoxe por fin é que atopei o momento para contárvolo no blog. Serei breve.


Como máis destacado, había un elevado número de cullereiros (Platalea leucorodia), dos que contei 18 exemplares. Entre eles un coas inconfundibles anelas de PVC do programa holandés de anelamento.


Tamén me chamou a atención a presenza dun nutrido grupo de mazaricos rabinegros (Limosa limosa). Había 12, un número elevado para o que é habitual na ría últimamente. E doutras limícolas, destacaban 2 píllaras cincentas (Pluvialis squatarola) e 5 pilros gordos (Calidris canutus).



En canto ás anátidas, están xa as especies invernantes habituais: lavancos (Anas platyrhynchos), silbóns (Anas penelope) e rabudos (Anas acuta). Non vin ningún frisado, nin tampouco cercetas, ainda que dos primeiros ten que haber, e das segundas tamén pode ser. Pero a marea estaba baixa e na zona media da ría os bandos estaban moi dispersos, e teñen moitas zonas ocultas para o observador nas que poden estar e pasar desapercibidos.




Sen máis, aquí vos deixo a relación completas de especies que observei o domingo, coas cifras no caso das que contei:



Ánade silbón / Anas penelope / Asubiador - pato asubión
Ánade real / Anas platyrhynchos / Lavanco
Ánade rabudo / Anas acuta / Pato rabilongo
Cormorán / Phalacrocorax carbo / Corvo mariño
Garceta / Egretta garzetta / Garzota - 42 +
Garza real / Ardea cinerea / Garza real - 16 +
Espátula / Platalea leucorodia / Cullereiro - 18
Ratonero / Buteo buteo / Miñato - 1
Águila pescadora / Pandion haliaetus / Aguia pescadora- 1
Ostrero / Haematopus ostralegus / Lampareiro (galego local) - gabita - 2
Chorlito Gris / Pluvialis squatarola / Píllara cincenta - 2
Correlimos gordo / Calidris canutus / Pilro gordo - 5
Correlimos común / Calidris alpina / Pilro común - pilro curlibico
Zarapito real / Numenius arquata / Mazarico real - 52 +
Archibebe común / Tringa totanus / Bilurico patirrubio - bilurico común - 6
Archibebe claro / Tringa nebularia / Bilurico pativerde - bilurico claro
Andarríos chico / Actitis hypoleucos / Bilurico das rochas - bilurico bailón - 2
Aguja colinegra / Limosa limosa / Mazarico rabinegro - 12
Gaviota cabecinegra / Ichthyaetus melanocephalus / Gaivota cabecinegra -
Gaviota reidora / Chroicocephalus ridibundus / Gaivota chorona
Gaviota sombría / Larus fuscus / Gaivota escura
Gaviota patiamarilla / Larus michahellis / Gaivota patiamarela
Gavión atlántico / Larus marinus / Gaivotón
Martín pescador / Alcedo atthis / Picapeixe - martiño peixeiro






Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons

Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

viernes, 17 de octubre de 2014

Chegan as invernantes á ría





Estamos xa inmersos en pleno outono, e a Ría de Ribadeo comeza a encherse de aves. Moitas delas están aínda de paso cara ós seus lugares de invernada, pero outras tantas ficarán con nós durante todo o inverno, xa que a ría é o seu destino definitivo. É o caso das aguias pescadoras (Pandion haliaetus), que coma ben sabedes os seguidores deste blog, levan desde fai uns anos quedándose aquí durante a época non reprodutora. Primeiro foi a famosa “Panchita”, logo “Virgilia” e quen sabe se este ano teremos outra invernante máis. Sabemos xa que as dúas primeiras están aquí desde comezos do mes de setembro. E sabemos tamén que ademais destas dúas, pasaron varios exemplares máis polo noso estuario. Agora mesmo hai tres individuos na ría, polo menos. E en concreto falo do domingo 12 de outubro, cando observei ó mesmo tempo estes tres exemplares. Dúas pescadoras estaban nos pousadoiros instalados fronte ó observatorio de Reme, e a terceira nun instalado na Xunqueira. 




Esta última cambiou logo de ubicación, para acomodarse no pousadoiro do niño artificial situado moi preto, e que recentemente foi instalado no lugar pola organización FAPAS. Esta vez si, fixérono tras solicita-lo correspondente permiso á Xunta de Galicia, xa que, aquí non hai dúbida, esa parte da ría pertence administrativamente a Galicia.



Pero non só de pescadoras vive a Ría de Ribadeo, nin moito menos. Por comezar polo menos habitual por aquí, observei tamén tres garzotas grandes (Egretta alba), primeiro unha soa na enseada da Lieira, e logo dúas xuntas fronte ó Puntal. Como foi en momentos distintos, non sei realmente se eran polo tanto dúas ou tres as que había na ría.




E seguindo coas garzas, non podían faltar as garzas reais (Ardea cinerea) e as garzotas (Egretta garzetta). Entre elas chamaban a atención os tamén habituais cullereiros (Platalea leucorodia), dos que puiden ver 10 exemplares.

Garzotas, xunto ós mazaricos

Cullereiros e unha garzota

En canto a limícolas, non vin demasiada variedade. O máis destacado un bando de 36 mazaricos reais (Numenius arquata), un par de pilros comúns (Calidris alpina), un mazarico rubio (Limosa lapponica) e dous biluricos bailóns (Actitis hypoleucos), todos eles na praia de Salías.

Mazaricos

Pilro común


Tamén alí había máis de 150 gaivotas choronas (Chroicocephalus ridibundus). En varias delas apreciábanse claramente uns tons rosados na súa plumaxe, especialmente na zona do peito. Sobre a orixe desta coloración das plumas xa falei aquí nalgunha ocasión, e parece estar causada pola dieta. Concretamente esta teoría o que di é que a cor rosada débese a un carotenoide presente en determinadas especies de cangrexos que comen. Este carotenoide deposítase posteriormente nas plumas das aves, dándolles esta cor rosada a determinados individuos. Así pois, a súa coloración máis ou menos rosada, depende da presenza destes cangrexos en maior ou menor medida na súa dieta.


Na foto non se aprecia moi ben, pero en varios destes exemplares víase claramente a coloración rosada

Seguindo coas gaivotas, ademais das choronas había tamén gaivotas escuras (Larus fuscus) e algunha patiamarela (Larus michaellis). E aínda que primeiramente me pasou desapercibida por asemellarse a súa plumaxe ó dunha chorona, había tamén entre elas unha cabecinegra (Larus melanocephalus), con plumaxe de primeiro inverno.

Gaivotas escuras

Gaivota patiamarela

Gaivota cabecinegra

Cambiando de rexistro, temos tamén xa a moitas das especies de anátidas habituais na Ría de Ribadeo durante o inverno. Así, están xa por aquí, ademais dos lavancos (Anas platyrhynchos), os rabilongos (Anas acuta), frisados (Anas strepera) e asubiadores (Anas penelope).

Anátidas
E para rematar esta entrada, citar tamén a observación de dous picapeixes (Alcedo athis), un miñato (Buteo buteo), un falcón peregrino (Falco peregrinus) que levaba unha presa nas garras -penso que un pilro-, numerosos corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo) e unha lavandeira branca (Motacilla alba) que captou a miña atención pousada no foraborda dun bote.




Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com