Páginas del blog Ría de Ribadeo

Mostrando entradas con la etiqueta Día Mundial dos Humidais. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Día Mundial dos Humidais. Mostrar todas las entradas

sábado, 2 de febrero de 2019

Resumo do Día Mundial dos Humidais 2019

Como moitos xa sabedes, hoxe celebramos en Ribadeo o Día Mundial dos Humidais. E como tódolos anos, con dúas actividades, unha charla pola mañá, e pola tarde unha ruta ornitolóxica pola ría.

A charla da mañá correu desta vez a cargo miña, cunha exposición sobre os 25 anos da declaración da Ría de Ribadeo coma Humidal de Impotancia Internacional (humidal Ramsar). Nela demos conta das ameazas coas que a ría se enfronta, e da evolución e estado actual das poboacións de aves no noso humidal.


Xa pola tarde, realizamos a tradicional ruta ornitolóxica pola ría, que nos permitiu ver moitas desas especies das que falamos pola mañá: cullereiros, mazaricos, biluricos, garzas, garzotas, gaivotas, patos rabilongos, frisados, asubións, ou as tres aguias pescadoras invernantes. 





Desde aquí quero agradecer ó Concello de Ribadeo a organización desta xornada, na que levamos colaborando xa durante oito anos, e que agardemos se siga celebrando durante moitos máis. Grazas ó alcalde Fernando Súarez por acudir á charla, e polo detalle que tiveron ó final da mesma comigo. E moi especialmente, grazas tamén á concelleira de turismo Ana María Martínez, implicada desde o primeiro momento en que comezamos con esta idea, e impulsora da mesma, e a Begoña García, técnica de turismo, e parte fundamental da organización destas xornadas durante todos estes anos. Coma sempre, foi un pracer para mín colaborar nesta xornada, na miña vila, coa miña xente, e para defender e divulgar os valores da nosa querida ría.

Para rematar, déixovos tamén aquí a entrevista que me fixeron esta semana no programa Voces da Mariña de Radio Voz, falando destes temas. 


 

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

jueves, 17 de enero de 2019

Día Mundial dos Humidais 2019

Outro ano máis, e xa van oito consecutivos, celebraremos en Ribadeo o Día Mundial dos Humidais. Aquí vos deixo as actividades que levaremos a cabo o sábado 2 de febreiro con motivo desta celebración. Agardámosvos.


Actividades:

  • 11:30 Casa da Xuventude. Conferencia “Ría de Ribadeo, 25 anos de Humidal de Importancia Internacional. Evolución e estado actual”, a cargo de Enrique Sampedro Miranda (Blog Ría de Ribadeo).
  • 15:00 Ruta pola ría para observar aves. Saída da Oficina de Turismo. Necesaria reserva nos teléfonos: 982 128 689 (Oficina de Turismo) ou 982 128 650 (Área de Desenvolvemento Local).




Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

sábado, 25 de febrero de 2017

Así celebramos o Día Mundial dos Humidais en Ribadeo

O pasado 18 de febreiro celebramos en Ribadeo, por sexto ano consecutivo, o Día Mundial dos Humidais. Como de costume, realizamos unha ruta pola Ría de Ribadeo para observar aves. Nesta ocasión, os “guías” fomos Óscar Chao e máis eu. E aínda que as previsións meteorolóxicas non eran as mellores para ese día, finalmente tivemos moita sorte e o tempo permitiunos realizar a ruta con total normalidade.




As especies que puidemos observar durante a ruta foron as seguintes (falo de memoria, así que pode que se me escape algunha):

Ánade silbón / Anas penelope / Asubiador - pato asubión
Ánade real / Anas platyrhynchos / Lavanco
Porrón bastardo / Aythya marila / Pato bastardo - pato caribranco
Havelda / Clangula hyemalis / Pato rabeiro
Negrón / Melanitta nigra / Pentumeiro
Colimbo grande / Gavia immer / Mobella
Serreta mediana / Mergus serrator / Mergo cristado
Cormorán / Phalacrocorax carbo / Corvo mariño
Garceta / Egretta garzetta / Garzota
Garza real / Ardea cinerea / Garza real
Espátula / Platalea leucorodia / Cullereiro
Águila pescadora / Pandion haliaetus / Aguia pescadora
Correlimos común / Calidris alpina / Pilro común - pilro curlibico
Zarapito trinador / Numenius phaeopus / Mazarico chiador
Aguja colinegra / Limosa limosa / Mazarico rabinegro
Gaviota reidora / Chroicocephalus ridibundus / Gaivota chorona
Gaviota cana / Larus canus / Gaivota cana
Gaviota sombría / Larus fuscus / Gaivota escura
Gaviota patiamarilla / Larus michahellis / Gaivota patiamarela
Gavión atlántico / Larus marinus / Gaivotón
Charrán patinegro / Sterna sandvicensis / Carrán cristado






Xa pola tarde, na Casa da Ría, tivo lugar a interesante charla de Óscar titulada “Os humidais: educando na contorna natural”, que tamén foi un éxito.

Agardamos que tódolos participantes nesta xornada sairades satisfeitos, e sobre todo, sendo un pouquiño máis conscientes todos do valor da nosa ría, e da importancia de coidala. E os que non puidestes asistir, esperámosvos o próximo ano.



Saúdos

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda

Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

jueves, 16 de febrero de 2017

As actividades do Día dos Humidais no programa "Voces da Mariña"

Este sábado 18 de febreiro, celebraremos en Ribadeo o Día Mundial dos Humidais. Aquí deixo a entrevista que me fixeron onte no programa Voces da Mariña, de Radio Voz, falando sobre estas actividades, así como das aves da Ría de Ribadeo.






Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com



sábado, 11 de febrero de 2017

18 de febreiro: Día Mundial dos Humidais na Ría de Ribadeo




Outro ano máis celebraremos na Ría de Ribadeo o Día Mundial dos Humidais, realizando unha serie de actividades pola súa contorna. Estas actividades son completamente gratuitas e abertas ó público en xeral. Terán lugar o vindeiro sábado 18 de febreiro, son as seguintes:

- 10:00. Ruta ornitolóxica pola Ría de Ribadeo. Acompañados por Óscar Chao e por min mesmo, faremos unha ruta pola ría en autocar, parando nos mellores lugares para observar aves e aprender a distinguilas. Haberá dous puntos de saída. O primeiro na Oficina de Turismo ás 9:45, para aquelas persoas que non teñan coche e que non se queden a comer en Santa Cruz. E ás 10:00 recollerá en Santa Cruz ás persoas que suban en coche e que logo se van quedar a comer alí. Resulta imprescindible facer reserva previa no teléfono 982 128 689 (prazas limitadas).

- 14:00. Xantar no Monte de Santa Cruz. Ó finalizar a ruta, o autocar pasará primeiro por Santa Cruz para deixar ós que se quedan a xantar. E logo deixará ó resto de persoas fronte á Oficina de Turismo. Os que se queden, comerán nos merendeiros de Santa Cruz, coas mellores vistas que hai sobre a ría. A comida irá pola conta de cada asistente, así que ide preparados cos bocatas, tarteiras, ou o que gostedes!

- 16:00. Conferencia "Os humidais: educando na contorna natural" a cargo de Óscar Chao, na Casa da Ría de Ribadeo (Monte de Santa Cruz). Será o remate desta xornada adicada por completo ó noso mellor humidal. Óscar Chao, biólogo especializado en bioloxía mariña e responsable da páxina de Facebook "Aves e Natureza de Ribadeo", daranos a súa particular visión sobre a importancia dos humidais.

Así que xa sabedes, animádevos e participade con nosoutros nesta xornada na que gozaremos cos valores naturais da nosa ría, das aves, e de boa compaña!


Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com


jueves, 11 de febrero de 2016

20 de febreiro, charla sobre as "Aves da Ría de Ribadeo"

O próximo sábado 20 de febreiro terei o gusto de ofrecer unha charla sobre as "Aves da Ría de Ribadeo". Será na Casa da Xuventude (ó pé da Biblioteca Municipal), ás 11:00 da mañá. O acto está organizado polo Clube de Piragüismo Altruán, que contactaron comigo para propoñerme facer esta charla, na que tamén colabora o Concello de Ribadeo. Así pois, todo aquel que estea interesado en coñecer algo máis da riqueza faunística da nosa ría, alí vos espero. Será a actividade deste ano para conmemorar o Día Mundial dos Humidais, como vimos facendo en Ribadeo desde hai xa uns cantos anos.




Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

miércoles, 11 de febrero de 2015

Actividades do Día Mundial dos Humidais 2015 en Ribadeo

A pasada fin de semana celebramos en Ribadeo o Dia Mundial dos Humidais, por cuarto ano consecutivo. Coma ven sendo habitual desde que comezamos a organizar estas xornadas de divulgación medioambiental, os actos dividíronse en dúas partes: unha charla e unha ruta guiada pola Ría de Ribadeo para observar aves.

Este ano a charla correu a cargo de José Mª Fernández Díaz-Formentí, autor do libro A Ría de Ribadeo. Natureza entre dúas augas. Desde aquí quero a gradecerlle o detalle de colaborar voluntariamente nestas xornadas, e desprazarse expresamente desde Oviedo para vir pasar este día con nós. A súa charla tivo lugar na mañá do sábado, na Casa da Xuventude. Alí, un nutrido grupo de asistentes puido disfrutar da exposición de José María, titulada Las aves en la naturaleza cantábrica. A través das súas fantásticas fotografías, foinos explicando as distintas especies de aves que podemos atopar na cordilleira cantábrica, partindo da costa e das rías (moitas das súas fotos están feitas na Ría de Ribadeo) ata chegar ós cumios máis altos dos Picos de Europa.

Todo preparado para comezar
De esquerda a dereita: José Mª Fernández (ponente), Enrique Sampedro, Horacio Cupeiro (concelleiro de Medio Ambiente) e Ana Martínez (concelleira de Turismo)
Comeza a charla
Algunha das súas magníficas fotografías


Xa pola tarde veu a segunda parte das actividades, que foi a tradicional ruta guiada pola ría. Nesta ocasión, ademáis da compaña de José Mª Fernández, contamos por segundo ano coa colaboración tamén desinteresada de Óscar Chao, a quen tamén quero agradecer a súa completa disposición. O autocar foinos levando pola estrada que rodea o estuario, facendo parada en tres puntos especialmente interesantes para a observación de aves: a praia de Salías, a Punta de Castropol e o observatorio de Reme. No primeiro lugar puidemos ver gran variedade de limícolas, coma mazaricos, pilros, zaconelas (Vanellus vanellus), biluricos... Tampouco faltaron os cullereiros, garzas reais e garzotas, así como varias especies de patos e gaivotas.

Na praia de Salías
Aves en Salías


Xa na Punta de Castropol, as estrelas foron sen dúbida os mergullóns. Primeiro os de pescozo negro, pero logo nos decatamos que entre eles había un especial, un mergullón real (Podiceps auritus).

Mergullón de pescozo negro (esquerda) e mergullón real (dereita)
Na Punta de Castropol


E non podía faltar a parada no observatorio de Reme, desde onde observamos a pracer diferentes especies de patos que temos na ría: rabilongos, asubións, lavancos, cercetas e frisados. E cómo non, tamén alí estaban para dárnola despedida as nosas queridas aguias pescadoras, cada unha na súa estaca preferida.

No observatorio de Reme
Unha das "nosas" pescadoras


Para mín é un pracer poder colaborar na organización destas xornadas, das que podemos dicir que xa están consolidadas coma un día especial para os amantes da natureza e das aves en Ribadeo. Así o acredita a presenza ano tras ano de numerosos participantes, moitos deles repetidores, e dos que podemos dicir que son xa novos aficionados á ornitoloxía. Desexamos que esta semilliña que estamos prantando, teña os seus froitos no futuro, arraigando na poboación de Ribadeo e arredores (moitos participantes veñen doutras partes da Mariña e da veciña Asturias) e creando unha conciencia en defensa das aves e da Ría de Ribadeo, que é o que pretendemos.

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

jueves, 22 de enero de 2015

Día Mundial dos Humidais 2015 en Ribadeo

Un ano máis, por cuarto consecutivo, celebraremos en Ribadeo o Día Mundial dos Humidais, cunha serie de actividades abertas ó público e de carácter gratuito. A data oficial é o 2 de febreiro, que por ser luns, en Ribadeo pasaremos as actividades ó sábado 7 de febreiro, co fin de que poida participar o maior número de persoas posible.

Este é o cartel coas actividades programadas:


Coma ven sendo habitual, dividiremos a xornada en dúas partes. A primeira virá marcada por unha conferencia, a cargo de José María Fernández Díaz-Formentí, autor do libro A Ría de Ribadeo. Natureza entre dúas augas. Ademáis dun gran coñecedor da nosa ría, é tamén un amante e experto coñecedor das aves. E precisamente diso será do que nos falará na súa charla, que terá lugar ás 12:00 do mediodía na Casa da Xuventude (ó lado da Biblioteca Municipal).

Xa pola tarde, faremos a tradicional ruta guiada para observar aves en torno ó noso gran humidal, a Ría de Ribadeo. Coma tódolos anos, iremos en autocar, facendo paradas en varios puntos interesantes para a observación, e aprendendo unhas nocións básicas para identificar as diferentes especies. Ademáis de José María Fernández, acompañaranos tamén Óscar Chao Penabad, ribadense aficionado á ornitoloxía (Facebook Aves e Natureza de Ribadeo). E eu mesmo, que con toda a miña ilusión e con moito gosto colaboro co Concello de Ribadeo na organización destas actividades, por cuarto ano consecutivo, coma dicía anteriormente.

Estades todos invitados, tanto á charla de pola mañá, como á ruta guiada de pola tarde. Para esta última, lembrade reservar praza, xa que é imprescindible. E tódolos anos se enchen rápidamente, ¡así que non perdades tempo¡

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

domingo, 9 de febrero de 2014

Crónica do Día Mundial dos Humidais 2014

Fai una semana celebramos en Ribadeo o Día Mundial dos Humidais, por terceiro ano consecutivo. Como xa ven sendo habitual, organizamos varias actividades para conmemorar esta data. Nela rememórase a firma do tratado internacional polo que os países firmantes se comprometeron á protección dos humidais acollidos a esta convención. A ría de Ribadeo entrou a formar parte do listado de humidais de importancia internacional  amparados baixo o tratado en 1994, polo que é unha data importante para o noso estuario.

Centrándonos nas actividades realizadas este ano, comezamos cunha charla a cargo do naturalista ferrolán Xabier Prieto Espiñeira, gran coñecedor da ría, membro da Sociedade Galega de Historia Natural e autor do blog Bichos de demais familia. Na súa presentación "A ría de Ribadeo, un refuxio para as aves migratorias" fixo un repaso polas diferentes especies de aves que usan a ría para invernar, e a importancia que o humidal ten para elas. Apoiándose nas súas fotografías de aves, durante algo máis de hora e media fíxonos unha interesantísima exposición sobre a riqueza da ría, que rematou cun pequeno coloquio entre asistentes e ponentes.

De esquerda a dereita: Xabier Prieto (ponente), Enrique Sampedro (blog Ría de Ribadeo) e Horacio Cupeiro (concelleiro de Medio Ambiente de Ribadeo).




Xa pola tarde, a segunda das actividades, unha ruta guiada pola ría para observar aves. Debido á gran demanda de prazas, e para provocar o menor impacto posible na fauna, dividimos en dous grupos a visita, cada un deles levado por un minibus ós distintos puntos da ría óptimos para a observación de aves. Ambos grupos saímos á vez de Ribadeo, pero en sentidos opostos, un comezando pola beira galega da ría e outro pola asturiana. 

Un dos grupos en plena observación de aves na praia de Salías (Castropol)


Coma en anos anteriores, a variedade e cantidade de especies observadas non defraudou ós participantes, que aprenderon a identificar as diferentes aves coa axuda dos "guías" que participamos na ruta: Xabier Prieto (Bichos e demais familia), Óscar Chao (O Pailebote branco) e eu mesmo, Enrique Sampedro (Ría de Ribadeo). Así, axudados de prismáticos e telescopios puidemos observar mazaricos reais (Numenius arquata), biluricos pativerdes (Tringa nebularia), lampareiros (Haematopus ostralegus), pilros comúns (Calidris alpina), garzas reais (Ardea cinerea), garzotas (Egretta garzetta), cullereiros (Platalea leucorodia), patos rabilongos (Anas acuta), patos asubiadores (Anas penelope), mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis), pentumeios (Melanitta nigra), mobellas (Gavia immer)... E cómo non, tamén unha das aves máis buscadas polos participantes, a aguia pescadora (Pandion haliaetus), que non fallou á cita.






Ó día seguinte, domingo 2 de febreiro,  fixemos a última das actividades, que consistiu en subir algunhas das fotos sacadas durante a ruta do sábado á plataforma Biodiversidad Virtual. Foi así porque aproveitando o Día Mundial dos Humidais celebramos tamén o Primeiro Testing Fotográfico da Ría de Ribadeo, en colaboración coa citada plataforma, e este día realizamos a posta en común e subida de fotografías.

Así pois, foi unha fin de semana chea de actividades relacionadas coa ría, a natureza e as aves. Con elas pretendemos axudar a crear conciencia na poboación local sobre a importancia dun rico ecosistema como é a ría de Ribadeo. Agardamos que teñamos contribuido a elo, e que cada vez sexamos máis os amantes das aves e da ría, o que sen dúbida redundará na súa protección.

Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com


domingo, 26 de enero de 2014

Actividades do Día Mundial dos Humidais 2014 en Ribadeo




Os días 1 e 2 de febreiro celebraremos en Ribadeo, un ano máis, o Día Mundial dos Humidais. Farémolo levando a cabo unha serie de actividades que teñen como finalidade divulgar a importancia da ría de Ribadeo a nivel ambiental, e fomentar o seu coñecemento e coidado. Lembremos que a ría está incluida na rede de humidais de importancia internacional da Convención Ramsar, que é o organismo impulsor da celebración desta efeméride. 

O blog Ría de Ribadeo colabora co Concello de Ribadeo organizando estas actividades:

Sábado 1 de febreiro

12:00 - Casa do Mar. Charla "A ría de Ribadeo, un refuxio para as aves migratorias", a cargo de Xabier Prieto Espiñeira, membro da Sociedade Galega de Historia Natural. Este naturalista e ornitógolo, autor do blog Bichos e demais fammilia, é un gran coñecedor da nosa ría, e exporanos datos moi interesantes sobre o humidal e as súas aves.

15:00 - Ruta pola ría para observar aves. Como en anos anteriores, habilitarase un autocar no que percorreremos a ría, parando en distintos puntos interesantes para a observación de aves. Daremos as claves para identificalas e diferencialas, axudados de prismáticos e telescopios. Para participar é necesario facer reserva de plaza chamando á Oficina de Turismo (982 128 689). É moi recomendable levar prismáticos.

15:00 - 1º Testing Fotográfico Ría de Ribadeo. Simultaneamente á ruta pola ría, quen desexe participar nesta actividade debe ir provisto de cámara de fotos. No transcurso da ruta tentaremos fotografiar as especies de aves que vexamos, para facer unha posta en común ó día seguinte.


Domingo 2 de febreiro

12:00 - Oficina de Turismo. Obradoiro fotográfico. Os participantes no 1º Testing Fotográfico Ría de Ribadeo reunirémonos para identificar as aves fotografiadas o día anterior, e subir as fotografías á plataforma Biodiversidad Virtual


Desde aquí animo a todos a participar nestas actividades, recordando que é imprescindible facer reserva previa na Oficina de Turismo, ou chamando por teléfono.


Imaxes e texto baixo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com


sábado, 18 de enero de 2014

Día Mundial de los Humedales 2014 en Ribadeo

El día 2 de febrero se celebra a nivel internacional el Día Mundial de los Humedales. La elección de esta fecha se debe a que el 2 de febrero de 1971 se firmó en la ciudad iraní de Ramsar un tratado internacional para la protección de este tipo de ecosistemas. La ría de Ribadeo entró a formar parte del exclusivo grupo de humedales que se engloban en este tratado el 4 de octubre de 1994, siendo uno de los únicos 5 que hay en Galicia. Los otros cuatro son el Complejo intermareal Umia-O Grove, Rías de Ortigueira y Ladrido, Complejo húmedo de Corrubedo y la Laguna y arenal de Valdoviño. El total de humedales Ramsar en España es de 76, lo que da muestra de la importancia de nuestra ría.

El lema elegido este año por la Convención Ramsar es Humedales y agricultura: juntos en pro del crecimiento. En Ribadeo, como venimos haciendo en los últimos años, vamos a celebrar esta fecha con la realización de una serie de actividades de difusión e interpretación de la ría. Y como en las anteriores ocasiones, nos centraremos en la importancia del humedal para las aves.

Cartel oficial Ramsar de este año, con los logos de los organizadores locales


En breve se hará público el detalle de las actividades y el modo de apuntarse a ellas, ya que serán gratuitas y abiertas a la participación de todos. Pero sí que os podemos adelantar que la charla de este año correrá a cargo de un gran conocedor de nuestra ría, el naturalista Xabier Prieto Espiñeira, miembro de la Sociedade Galega de Historia Natural, y autor del blog Bichos de demais familia.



Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com


miércoles, 6 de febrero de 2013

A ría de Ribadeo no Día Mundial dos Humidais

Durante os días 2 e 3 de febreiro celebramos en Ribadeo o Día Mundial dos Humidais. O sábado pola mañá fixemos a primeira das rutas de ininciación á ornitoloxía pola ría. Pola tarde continuamos coas actividades coa presentación na Casa das Letras do libro "¿Para qué sirven las aves?", de Antonio Sandoval Rey, e un coloquio sobre diversos temas relacionados coas aves e o medio ambiente. E por último, o domingo pola mañá, fixemos a segunda das rutas pola ría.

O grupo do sábado no observatorio da praia de Salías


Nestas rutas tivemos a sorte de que o tempo nos acompañara, e con esta variable ó noso favor, e o bo ánimo e predisposición de tódolos asistentes, a observación de aves estaba asegurada. E así foi, posto que nesta época a ría non defrauda, e son moitas e variadas as especies que se poden ver.

Grupo do sábado na Lieira


Así, entre os dous días, puidemos ver unha gran representación das aves que nesta época viven na ría de Ribadeo. Facendo un repaso de memoria, sáenme algunhas especies coma estas:

Cerceta / Anas crecca / Cerceta
Ánade real / Anas platyrhynchos / Lavanco
Negrón / Melanitta nigra / Pentumeiro
Colimbo grande / Gavia immer / Mobella grande
Zampullín cuellinegro / Podiceps nigricollis / Mergullón de pescozo negro - mergullón orelleiro
Cormorán / Phalacrocorax carbo / Corvo mariño
Garceta / Egretta garzetta / Garzota
Garza real / Ardea cinerea / Garza real
Espátula / Platalea leucorodia / Cullereiro
Águila pescadora / Pandion haliaetus / Aguia pescadora
Ostrero / Haematopus ostralegus / Lampareiro (galego local) - gabita
Correlimos común / Calidris alpina / Pilro común - pilro curlibico
Zarapito real / Numenius arquata / Mazarico real
Archibebe claro / Tringa nebularia / Bilurico pativerde - bilurico claro
Andarríos chico / Actitis hypoleucos / Bilurico das rochas - bilurico bailón
Gaviota reidora / Larus ridibundus / Gaivota chorona
Gaviota sombría / Larus fuscus / Gaivota escura
Gaviota patiamarilla / Larus michahellis / Gaivota patiamarela
Gavión atlántico / Larus marinus / Gaivotón
Charrán patinegro / Sterna sandvicensis / Carrán cristado
Martín pescador / Alcedo atthis / Picapeixe - martiño peixeiro

O grupo do domingo no observatorio de Reme. Foto: Pablo García.


Nas rutas guiadas participaron un total dunhas 46 persoas, mostrando todas un gran interese polas aves. Entre elas, ademais, había tamén unha notable presencia de nenos. O propósito das rutas foi dar a coñecer á poboación local esta gran riqueza que temos na ría de Ribadeo, e fomentar a práctica da ornitoloxía. Deste xeito, estou seguro que as persoas que asistiron, verán doutra forma a ría e as súas aves a partir de agora, como moitos me transmitiron xa no transcurso da propia ruta.



Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda

martes, 29 de enero de 2013

Día Mundial dos Humidais na ría de Ribadeo



A Convención sobre os Humidais de Importancia Internacional, chamada Convención Ramsar, é un tratado intergubernamental que serve de marco para as accións nacionais e a cooperación internacional en pro da conservación e do uso racional dos humidais e dos seus recursos. 

O tratado adoptouse na cidade iraní de Ramsar –de aí o seu nome-, en 1971, entrando en vigor en 1975. É o único tratado mundial relativo ó medio ambiente que se ocupa dun tipo de ecosistema en particular, e os países membros da Convención abarcan tódalas rexións xeográficas do planeta. 

A ría de Ribadeo entrou a formar parte desta exclusiva lista de humidais internacionais o 4 de outubro de 1994. Desde aquela data ata hoxe, teñen cambiado moitas cousas neste humidal compartido por Galicia e Asturias. Desgraciadamente, a man do home ten que ver moi negativamente nestes cambios, posto que como consecuencia das súas actuacións (constante ampliación de instalacións portuarias, verquidos, actividades de acuicultura...) pouco a pouco a ría foi degradándose, perdendo moitos dos seus valores. Pero de pouco serve mirar ó pasado, e o que temos que procurar entre todos, é que o enorme valor que aínda hoxe conserva a ría, non se perda, se non pola contra, mellore e se amplíe. Para iso é moi importante a concienciación da poboación local, que xa ten evitado en tempos recentes novas agresións á ría, e que coa súa actitude e mobilización, pode seguir evitándoas. 

A celebración do Día Mundial dos Humidais ten lugar ó longo de todo o mundo, con milleiros de actividades de participación cidadá que teñen como fin a promoción e difusión de importantes valores de conservación dos humidais, fonte de riqueza e biodiversidade. Desde Ribadeo, tódolos participantes nesta xornada, unímonos á defensa destes valores, e comprometémonos a respectar e coidar o medio que nos rodea, aportando o noso graíño de area para a súa defensa.

Este é o programa de actividades previsto, que finalmente, e debido á gran demanda de prazas para a ruta pola ría, terá lugar en dous días.

Sábado 2 de febreiro

  • 10:00: Ruta de iniciación á ornitoloxía pola ría de Ribadeo. Para asistir, é imprescindible reservar praza con antelación, acudindo á Oficina de Turismo, ou chamando ó teléfono 982 128 689.
  • 18:30: Conferencia de Antonio Sandoval Rey, quen nos falará sobre a importancia da ría de Ribadeo para as aves, e nos presentará o seu último libro "¿Para qué sirven las aves?". O acto terá lugar na Casa das Letras.

Domingo 3 de febreiro

  • 10:00: Ruta de iniciación á ornitoloxía pola ría de Ribadeo. Información e reservas na Oficina de Turismo, ou chamando ó teléfono 982 128 689.

Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: http://ria-de-ribadeo.blogspot.com

viernes, 25 de enero de 2013

Día Mundial dos Humidais en Ribadeo



O vindeiro fin de semana celebraremos en Ribadeo o Día Mundial dos Humidais. Por segundo ano consecutivo, levaremos a cabo varias actividades para conmemorar esta data. Esta é a axenda prevista:

Sábado 2 de febreiro
  • 10:00: Ruta de iniciación á ornitoloxía pola ría de Ribadeo. Para asistir, é imprescindible reservar plaza con antelación, acudindo á Oficina de Turismo, ou chamando ó teléfono 982 128 689.
  • 18:30: Conferencia de Antonio Sandoval Rey, quen nos falará sobre a importancia da ría de Ribadeo para as aves, e nos presentará o seu último libro "¿Para qué sirven las aves?". O acto terá lugar na Casa das Letras.

Domingo 3 de febreiro
  • 10:00: Ruta de iniciación á ornitoloxía pola ría de Ribadeo. Para asistir, é imprescindible reservar plaza con antelación, acudindo á Oficina de Turismo, ou chamando ó teléfono 982 128 689.


Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda

domingo, 5 de febrero de 2012

Alca en Ribadeo

A pasada fin de semana fixemos dúas rutas ornitolóxias guiadas pola ría de Ribadeo para conmemorar o Día Internacional dos Humidais. Unha foi o sábado 22, e outra o domingo 23 de xaneiro. Nesta última tivemos a sorte de contar tamén coa axuda dun gran coñecedor das aves da zona, como é Pablo Fernández. Ámbolos días vimos especies interesantes, pero sempre hai unhas que destacan sobre as demáis debido á súa singularidade ou menor número. O sábado a estrela da xornada foi un carolo (alca torda), mentres que o domingo puidemos disfrutar contemplando o famoso exemplar de águia pescadora que dende o ano pasado inverna no estuario.

Alca na Ría de Ribadeo. Foto: Susana Martínez.

Nesta entrada quería centrarme na alca (ou carolo), xa que nos brindou unha fantástica observación a escasos metros de nós. Gracias a esta proximidade puidemos disfrutar coas súas habilidades buceadoras, que grabamos e fotografiamos a pracer. Este é un vídeo que grabou Manel Yáñez.




O carolo é un ave que mide uns 40 cm., e que se identifica por ter ás cortas e plumaxe coas partes inferiores de cor branca pura, que contrasta moito co negro da cabeza e partes superiores das ás e dorso. Ainda que en plumaxe invernal, de agosto a marzo, a gorxa e os lados da cabeza son brancos, como se pode apreciar perfectamente nas fotos que lle fixemos a este exemplar. Estas cores poden ser tamén mantidas fora desta época por xuvenís durante a seguinte primavera.

alca / alca torda / carolo. Foto: Susana Martínez

Unha estreita liña branca pódese apreciar ben de preto nas ás dos adultos, formada polas puntas brancas das secundarias. As patas e pés son de cor gris escura. Pero o detalle da súa estructura que máis chama a atención, constitúeo o extraño peteiro negro de forma ancha e aplastada verticalmente, rematado nunha especie de gancho. En plumaxe nupcial o peteiro loce dúas liñas brancas, unha que o cruza e outra que vai desde a base ata o mesmo ollo.

Peteiro. Foto: Grupo Ecologista C.A.N.S.


Nos seus lugares de reproducción son paxaros moi ruidosos e as súas actitudes seméllanse entón moito ós pingüins. Na Península Ibérica é visitante outonal e invernal, ainda que escaso, e abunda máis con temporais do Norte e olas de frío. Cando se ven de preto, pódense comprobar as súas habilidades para a pesca, incluso con peixes de gran tamaño. Bucean con gran facilidade e para elo axúdanse das ás, podendo baixar a moita profundidade. A partir de febreiro e marzo é raro xa contemplar aves desta especie nas costas da península, sendo os que se poidan ver probablemente inmaduros, xa que as colonias inglesas e bretonas están xa repletas de exemplares reproductores nos anoiteceres destes meses aínda invernais. 

As alcas, xunto cos araos, son unha das especies máis castigadas pola contínua contaminación das augas do mar con residuos petrolíferos e verquidos industriais tóxicos que chegan ó mar desde os grandes estuarios. Na catástrofe do Prestige, segundo os datos rexistrados pola Xunta de Galicia, recolléronse en Galicia 2.861 exemplares, 2.272 deles mortos, e só 589 vivos. Destes últimos, só puideron ser finalmente liberados trala súa recuperación 45 exemplares. E como se sabe, isto foi só a punta do iceberg, posto que moitas máis aves víronse afectadas sin que nunca chegaran a estar en ningún rexistro. No mes de novembro cumpriranse 10 anos daquela catástrofe, que agardemos non se volva producir NUNCA MÁIS. 

Agardo que con esta entrada tódolos que asistístedes á ruta guiada poidades coñecer un pouquiño máis desta fermosa ave, e que poidamos seguir observándoa pola ría de Ribadeo en vindeiras ocasións.


Imágenes y texto propiedad de:
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: http://ria-de-ribadeo.blogspot.com

domingo, 29 de enero de 2012

Ruta de iniciación á ornitoloxía pola ría

Na Casa da Ría de Ribadeo. Foto: Manel Yáñez

Esta tarde (sábado 22) fixemos a primeira das dúas rutas guiadas ornitolóxicas pola ría de Ribadeo, no marco das Xornadas Ornitolóxicas que estamos a celebrar para conmemorar o Día Internacional dos Humidais. O propósito destas rutas guiadas é iniciarse no mundo da observación das aves, fomentado o disfrute respetuoso dun espazo natural de gran importancia como é a nosa ría.
Comezamos a ruta na Casa da Ría, cunha breve charla e a observación dos paneis e maquetas que alí se expoñen, para ir abrindo boca do que poderíamos ver durante a ruta. 

Casa da Ría. Foto: Manel Yáñez

Desde aquí partimos no autocar para o primeiro punto de parada, a enseada do Esquilo. Neste punto privilexiado para a observación de aves, puidemos ver as especies típicas desta zona, coma os lavancos, asubións, garcetas, cullereiros... E todo isto no marco dun dos lugares máis bonitos e mellor conservados da ría. Ademais tivemos a sorte de que o tempo nos acompañou, no que case poderíamos calificar de tarde “primaveral”.

No autobus. Foto: Manel Yáñez

Observando aves. Foto: Manel Yáñez

A seguinte parada fixémola no puntal de Castropol, outro dos miradores privilexiados para observar aves no estuario. E aínda que o propósito da ruta era observar e aprender a recoñecer as especies máis comúns (anátidas, garzas, gaivotas...), tivémola gran sorte de ver tres exemplares dunha especie non tan común, como é o mergullón orelleiro (zampullín cuellinegro). Unha preciosidade de animais que parecían xogar con nós ó escondite, mergullándose para pescar.

Desde O Puntal (Castropol). Foto: Manel Yáñez.

Pero coma se isto non fora pouco, de pronto apareceu diante das nosas narices un exemplar de alca, facéndonos unha espectacular mostra das súas habilidades buceadoras, coas que puidemos deleitarnos durante varios minutos e a escasos metros de nós. Toda unha sorte que, no que para moitos dos asistentes era a primeira ruta para observar aves pola ría, puideran disfrutar de dúas especies coma estas.

¡Un alca!!!. Foto: Manel Yáñez
Alca. Foto: Susana Martínez.


Alca. Foto: Susana Martínez.

Alca. Foto: Susana Martínez.

Alca. Foto: Manel Yáñez.

 E como punto final, xa coas últimas luces da tarde, rematamos a xornada ornitolóxica no observatorio de Reme. As grandes concentracións de anátidas coma o pato rabilongo ou as cercetas son tamén unha estampa típica deste punto, como así puidemos comprobar.

Desde o observatorio de Reme

Aquí vai un listado de memoria das especies que vimos hoxe (castellano/científico/galego):

ostrero / haematopus ostralegus / lampareiro - gabita
alca / alca torda / carolo
espátula / platalea leucorodia / cullereiro
garceta / egretta garzetta / garzota
garza real / ardea cinerea / garza real
garcilla bueyera / bubulcus ibis / garza boieira - garza mediana
zampullín cuellinegro / podiceps nigricollis / mergullón de pescozo negro - mergullón orelleiro
ánade silbón / anas penelope / asubiador - pato asubión
ánade real / anas platyrhynchos / lavanco
ánade rabudo / anas acuta / pato rabilongo
cerceta / anas crecca / cerceta
gaviota patiamarilla / larus michahellis / gaivota patiamarela
gaviota sombría / larus fuscus / gaivota escura
gaviota reidora / larus ridibundus / gaivota chorona
cormorán / phalacrocorax carbo / corvo mariño
archibebe claro / tringa nebularia / bilurico pativerde - bilurico claro
correlimos común / calidris alpina / pilro común - pilro curlibico
andarríos chico / actitis hypoleucos / bilurico das rochas
busardo ratonero / buteo buteo / miñato

Para rematar quero agradecer desde aquí o bo comportamento e participación de todo o grupo, que soubo disfrutar dunha maneira responsable dunha actividade coma esta. Tamén cómo non ó Concello de Ribadeo pola organización das xornadas. E por último agradecer a Manel Yáñez e a Susana Martínez a cesión do material gráfico desta entrada, posto que as fotos son súas. En canto teña algo máis de tempo espero colgar tamén algún vídeo dos que sacaron.

Foto de Grupo. Foto: Susana Martínez.



Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: http://ria-de-ribadeo.blogspot.com