Páginas del blog Ría de Ribadeo

sábado, 2 de febrero de 2019

Resumo do Día Mundial dos Humidais 2019

Como moitos xa sabedes, hoxe celebramos en Ribadeo o Día Mundial dos Humidais. E como tódolos anos, con dúas actividades, unha charla pola mañá, e pola tarde unha ruta ornitolóxica pola ría.

A charla da mañá correu desta vez a cargo miña, cunha exposición sobre os 25 anos da declaración da Ría de Ribadeo coma Humidal de Impotancia Internacional (humidal Ramsar). Nela demos conta das ameazas coas que a ría se enfronta, e da evolución e estado actual das poboacións de aves no noso humidal.


Xa pola tarde, realizamos a tradicional ruta ornitolóxica pola ría, que nos permitiu ver moitas desas especies das que falamos pola mañá: cullereiros, mazaricos, biluricos, garzas, garzotas, gaivotas, patos rabilongos, frisados, asubións, ou as tres aguias pescadoras invernantes. 





Desde aquí quero agradecer ó Concello de Ribadeo a organización desta xornada, na que levamos colaborando xa durante oito anos, e que agardemos se siga celebrando durante moitos máis. Grazas ó alcalde Fernando Súarez por acudir á charla, e polo detalle que tiveron ó final da mesma comigo. E moi especialmente, grazas tamén á concelleira de turismo Ana María Martínez, implicada desde o primeiro momento en que comezamos con esta idea, e impulsora da mesma, e a Begoña García, técnica de turismo, e parte fundamental da organización destas xornadas durante todos estes anos. Coma sempre, foi un pracer para mín colaborar nesta xornada, na miña vila, coa miña xente, e para defender e divulgar os valores da nosa querida ría.

Para rematar, déixovos tamén aquí a entrevista que me fixeron esta semana no programa Voces da Mariña de Radio Voz, falando destes temas. 


 

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario