Páginas del blog Ría de Ribadeo

Mostrando entradas con la etiqueta ecología. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ecología. Mostrar todas las entradas

jueves, 25 de febrero de 2021

Liberación dun lince ibérico chamado Ribadeo

Pois sí amigos, temos un lince ibérico en liberdade chamado Ribadeo, que se suma á poboación salvaxe desta emblemática especie. O pasado 15 de febreiro foi liberado, xunto con outro exemplar chamado Rea, en terras extremeñas. Concretamente no Valle de Matachel, provincia de Badaxoz. Os dous linces liberados proceden do centro de cría en cautividade ubicado na localidade de Zarza de Granadilla (Cáceres).

Liberación lince Ribadeo. Foto: juntaex.es

 

Liberación lince Ribadeo. Foto: juntaex.es

Pero non pensedes que me resultou sinxelo verificar esta información, xa que tódolos medios de comunicación nos que saíu a nova falaban de que os linces liberados se chamaban Rea e "Ribadeu", con "u". Eu vin a nova por primeira vez en Twitter, na conta da revista Quercus, e loxicamente chamou de inmediato a miña atención. ¿Ribadeu...? Non podía ser. Tiña que tratarse dun erro, e o seu nome sería Ribadeo, pensei. Pero por máis que busquei en diferentes medios (axencia EFE, 20 Minutos, El Periódico Extremadura, Cadena COPE...) todos poñían o mesmo nome, Ribadeu. Así que busquei a fonte da información, e atopeina nun comunicado da Junta de Extremadura. Pero co mesmo resultado. Segundo esta información, o lince chamábase Ribadeu: http://www.juntaex.es/comunicacion/noticia&idPub=32528

Como non acababa de fiarme, decidín seguir indagando. Así que contactei telefónicamente co Ayuntamiento de Zarza de Granadilla, municipio onde se atopa o centro de cría do que procedía o lince, a ver si conseguía información de primeira man. No concello atendéronme moi amablemente e facilitáronme o teléfono do centro de cría, pero advertíronme de que o teléfono non lles funcionaba moi ben. E efectivamente, tras varios días intentando contactar con eles, non fun capaz de que o teléfono dera ton. Así que tiven que optar por outra vía, e comecei a enviar correos electrónicos a diferentes organismos públicos. E por fin deste xeito conseguín obter información fidedigna, que a continuación comparto con vós.

Centro de cría Zarza de Granadilla. Foto: lynxexsitu.es

O centro de cría de lince ibérico de Zarza de Granadilla, xunto con outros tres existentes en España e un máis en Portugal, forman a rede de centros de cría do Programa de Conservación Ex-situ del Lince Ibérico. Administracións nacionais, rexionais e internacionais colaboran neste programa, que está implementado por unha Comisión Multilateral formada polos gobernos de España e Portugal, xunto cos gobernos autonómicos de Andalucía, Extremadura e Castela-A Mancha (web do programa). Gracias a este exitoso programa, hoxe en día podemos dicir que o lince ibérico salvou unha situación crítica, na que estivo a piques de desaparecer. Cando comezou o programa, no ano 2002, quedaban tan só 94 linces ibéricos en liberdade, sendo unha especie irremediablemente condenada á extinción. Pero tras moitos esforzos e importantísimas inversións económicas, logrouse por fin conseguir a cría en cautividade da especie. E tras isto, comezou unha carreira contra reloxo para lograr criar cada vez máis exemplares, e cunha metodoloxía científica e moi estudiada, poñelos en liberdade no medio natural. Deste xeito, coa experiencia acumulada ano tras ano, o número de linces liberados foi incrementándose cada tempada, chegando no ano 2020 a unha poboación de linces en liberdade superior ós 900 exemplares.

Espacio de adestramento de cachorros. Zarza de Granadilla. Foto: juntaex.es

O "noso" lince, Ribadeo, liberouse como dicía anteriormente o pasado 15 de febreiro. Trátase dun macho, que naceu o 16 de marzo de 2020. A nai, primeiriza, chámase Omeya, e o pai Gitano. Nesa camada naceron dous cachorros, pero un deles morreu tras unha pelexa entre irmáns. Parece que a morte foi provocada pola propia nai, accidentalmente. Este tipo de sucesos son habituais na especie. Aquí podedes ver a nova deste episodio en concreto: https://www.hoy.es/prov-caceres/muere-cachorro-lince-20200420123741-nt.html

Sobre o porque do nome de Ribadeo, cóntanme que ós cachorros nados cada ano, tanto os nados nos centros de cría como os nados en liberdade, póñenlles nomes que comezan todos pola mesma letra. Os do 2020 comezaban pola letra "R", mentres que os que nazan este ano 2021 comezarán polo "S". Hai unha serie de condicionantes, como que os nomes non deben repetirse, e non se poden poñer nomes de persoas. É habitual que usen nomes de países, ríos, pobos, etc. Así, temos linces chamados Odiel, Córdoba, Madagascar, Kilimanjaro..., e agora Ribadeo. Para dar nome ós linces que serán liberados, son os equipos de solta dos linces os que elaboran unha única lista de nomes para os cinco centros de cría. E unha vez elaborada, divídese a lista en cinco bloques de vinte nomes, outorgando por sorteo un bloque para cada centro. Así pois, ó centro de Zarza de Granadilla tocoulle para o ano pasado un listado de 20 nomes. E para elixir os nomes que utilizarían, posto que liberan moitos menos de 20, publicaron o listado que tiñan asignado nas redes sociais, deixando que a xente elixira os nomes que realmente se utilizarían. E por aí se chegou ó nome do "noso" lince, xa que Ribadeo foi un dos máis votados.

Liberación lince. Foto: juntaex.es

Neste pequeno vídeo podedes ver o centro de cría de Zarza de Granadilla e o traballo que alí fan cos linces:

https://www.canalextremadura.es/video/visitamos-el-centro-de-cria-en-cautividad-del-lince-iberico-en-zarza-de-granadilla


E para rematar, o meu agradecemento pola información aportada a:

Maite Ríos Noya, coordinadora técnica do Centro de Cría del Lince Ibérico de Zarza de Granadilla.

Juan Ignacio Montoya Oliver, director de programas do Organismo Autónomo Parques Nacionales.

Rubén Moreno-Opo, da Subdirección General de Biodiversidad Terrestre y Marina.

Servicio de información do programa de conservación Lynx Ex-situ (www.lynxexsitu.es).


Saúdos e ata a próxima.

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons

Enrique Sampedro Miranda

Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com


domingo, 9 de agosto de 2015

Plan de Conservación da Praia das Catedrais. Situación actual (Parte II).

Despois de analizar polo miúdo o Plan de Conservación da Praia das Catedrais (ver Parte I), toca agora falar de como está sendo a súa posta en práctica, iniciada este verano. A mediados de xullo visitei en persoa a praia para coñecer de primeira man os cambios. Ademais das miñas propias impresións, quixen tamén coñecer as das persoas que traballan alí a diario, para obter diferentes puntos de vista. Pero comezarei polas miñas...

O primeiro que se ve ó chegar á zona é que seguen os problemas de aparcamento ante a enorme cantidade de xente que se achega en vehículo propio, que é a maioría. Os aparcadoiros máis próximos ó areal están sempre cheos nas horas punta (baixamar), e habilítanse outros en prados máis lonxanos, para os que se instala carteleiría e sendeiros que levan á xente ata a praia. Tamén os autobuses con excursións se ven obrigados a parar por aquí para deixar a xente, ante a saturación do aparcadoiro principal.




Xa no entorno da baixada, aínda que con moita xente, a miña impresión é que hai menos cantidade que en anos anteriores, na que se podían ver aglomeracións que realmente asustaban. Pódese deducir que moitas persoas que non teñen o acceso sacado, abstéñense de acudir sabendo que non van poder baixar. É dicir, hai unha maior planificación e distribución das visitas. Por certo, esta é a web na que se debe facela reserva para visitar As Catedrais: https://ascatedrais.xunta.es Aproveito para aclarar tamén que a reserva é totalmente gratuíta, xa que hai que ten dúbidas a este respecto.



Antes de baixar á praia, estiven vendo como está a parte superior dos cantís, que como dicía na primeira parte deste artigo (ver Parte I), é unha das zonas máis afectadas pola morea de visitantes que pasan por aquí. A pesares dalgúns carteis e balados que impiden o paso a determinados lugares, a maioría do espazo segue a estar sen ningún tipo de control, e a degradación é máis que evidente.





Nestas zonas é onde urxe agora actuar. No plan está previsto que así se faga, delimitando o acceso unicamente polos sendeiros que se habiliten, e rexenerando a cuberta vexetal orixinaria nas zonas que agora están degradadas. Proponse como solución facer unha pasarela elevada de madeira, como a existente na zona occidental deste mesmo espazo. Este método está a dar moi bos resultados, xa que nesa zona a conservación da cuberta vexetal é practicamente completa, posto que a xente non pode (aínda que sempre hai algún que outro túzaro) saírse da pasarela, e polo tanto non se pisotea o chan, persistindo a cuberta vexetal mesmo por debaixo da pasarela. Agardemos que estas medidas se apliquen pronto, si é que finalmente é o que se decide facer tamén aquí.

Tamén se contemplan no plan medidas para paliar o impacto visual do famoso restaurante. Como dicía no anterior artigo, hoxe en día, con este plan en vigor, non se podería facer este despropósito que unicamente serve a intereses privados. Por desgraza, o mal xa está feito, e agora o que propón o plan e tentar mitigar os seu impacto.



Aprézase por todas partes un aumento da sinalización vertical que advirte dos perigos de achegarse á beira dos cantís. Pero coma sempre, este tipo de indicacións non soen ser moi respectadas polos visitantes. 




Aínda que hai veces que sería mellor non poñer nada. Fixádevos nesta sinal de perigo por desprendementos. ¿Non habería outra forma de poñela que non fora colgada do propio cantil? Desde logo, esta sinal é todo o contrario ó que debería ser unha correcta protección da praia. En primeiro lugar porque o seu impacto visual é tremendo. E en segundo lugar porque está pendurada na rocha. Catro furados de taladro sobre o substrato de lousa que precisamente se pretende protexer. Lamentable...




A pé de praia as medidas aplicadas trala entrada en vigor do Plan de Conservación (lembremos que a súa aplicación comezou o día 1 de xullo deste 2015) son máis evidentes. En primeiro lugar, como dicía, porque o límite de persoas permitidas diariamente fai que non se vexan as escandalosas aglomeracións de pasados anos.




E outra das diferencias que tamén se aprecian moi positivamente é que o persoal da Xunta non deixa subirse ós cantís, nin a determinados lugares, coma o famoso arco interior da praia. Por aquí antes gabeaban centos de persoas a diario, o que ademais de dar unha imaxe feísima desta formación rochosa, sen dúbida estaba danando a súa parte superior.



Outra medida que se aprecia a simple vista é a inexistencia de cans no areal, xa que o persoal de vixilancia ocúpase de que estes animais non poidan baixar. Lembremos que estamos nun espazo natural no que está prohibida a súa presenza, aínda que antes se fixese caso omiso á normativa.

A pesar de todas estas medidas positivas que se aprecian xa, a praia segue a acoller moitísimos visitantes, xa que as 4.812 persoas permitidas diariamente non deixa de ser un número elevado. Ainda que agora vos conto outra cousa sobre esta cifra... En calquera caso, na miña opinión nun futuro haberá que regular tamén determinados lugares polos que non se debería deixar pasar, xa que miles de persoas saltando diariamente polos penedos, evidentemente impactan moi negativamente sobre a fauna que vive nestes ecosistemas (lapas, percebes, mexillóns, chícaros...).



O tirón das Catedrais segue a ser incrible, como podemos ver a diario este verán coa presenza de novas nos medios de comunicación de todo tipo. Este día topeime cun dos periodistas televisivos de moda facendo unha reportaxe para a súa canle.



Por último, e como vos adiantaba anteriormente, grazas a esta visita in situ percateime dunha cousa da que non se ten falado moito. Resulta que o cupo de 4.812 persoas non é estrito, xa que existen, polo menos, e que eu saiba, tres modos de acceder á praia e que non están sendo contabilizados dentro deste cupo que debería de ser límite. Son estas:

1. A asociación de hostaleiros de Ribadeo chegou a un acordo coa Xunta de Galicia para que os turistas que se aloxen nos hoteis da vila, teñan garantida unha praza de acceso á praia no caso de que non teñan feito a reserva pola súa propia conta. Así que aquí hai un número extra e indeterminado de persoas que accederán á praia fora do cupo establecido.

2. Hai un servizo de bus turístico xestionado pola empresa Eocar que leva varias viaxes diarias de persoas desde Ribadeo ata a praia, e que inclúen o acceso á mesma. E tampouco se contabilizan dentro do cupo.

3. O Concello de Ribadeo organiza un servizo de rutas turísticas guiadas (Xeorutas), para a interpretación do litoral e das súas formacións. Son varios grupos diarios, e cando coinciden coa baixamar (ata 60 persoas), tamén inclúen a visita á praia.

En resumo, na práctica o número de persoas que acceden á praia calculo que poderá roldar as 5.000 persoas. Non creo que sexa algo moi determinante, pero é curioso que finalmente a famosa cifra das 4.812 visitas máximas diarias non é real.

E despois de ter a miña propia opinión sobre a aplicación práctica do Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais, quixen tamén coñecer a opinión das persoas que están alí a diario. Estas son algunhas desas opinións, que recollín para traervos ó blog.

  • Persoal de Tragsa contratado pola Xunta de Galicia para controlar os accesos á praia e vixiar o cumprimento da normativa: aprecian melloras trala entrada en vigor do plan, xa que poden tomar medidas coma non deixar subir á xente polos cantís, prohibir a entrada de cans, ademais de contar coa presenza e apoio diario durante varias horas de axentes medio-ambientais da Xunta, que antes non estaban tan constantemente alí. A súa percepción é que en xeral os visitantes entenden e aceptan as novas medidas.
  • Guías das Xeorutas organizadas polo Concello. Son rutas guiadas e gratuítas, que consisten na interpretación do litoral, e na visita á praia cando é marea baixa. Os guías perciben que as rutas máis numerosas son precisamente as que coinciden coa baixamar. Din que a xente entende as medidas adoptadas, que lles parece ben o límite de accesos, a eco-taxa nos aseos, e que mesmo moitos se estrañan de que as rutas, o aparcamento e o acceso á praia sexan gratuítos.




 
  • Socorristas contratados polo Concello de Ribadeo: igual que o persoal de Tragsa, notan a presenza dos axentes medio-ambientais, que vixían moito máis estritamente aspectos como que os visitantes non collan percebes dos cantís, que non se suban neles, que non entren con cans... Ven negativo que os ribadenses xa non poidan acudir a esta praia libremente a bañarse ou pasear, xa que a necesidade de reserva fará que na práctica a praia sexa exclusivamente un lugar de visita.
  • Persoal do Concello de Ribadeo que xestiona o uso dos aseos públicos: os novos aseos construídos polo Concello fai uns anos, máis alonxados da beira da praia e con mellores instalacións e menor impacto, teñen unha eco-taxa de utilización de 50 céntimos. Segundo os traballadores do Concello, en xeral a eco-taxa é ben aceptada e comprendida polos visitantes. En poucas ocasións se atopan con protestas sobre este servizo. Tamén notan comprensión coas novas restricións de acceso á praia.
  • Bus Praia: trátase dun servizo ofrecido pola empresa Eocar de Ribadeo. En principio iniciou o servizo facendo 3 viaxes diarias desde Ribadeo ás Catedrais, cun bus de 30 persoas. Pero prevese que se poida ampliar en momentos de maior afluencia, como pode ser o mes de agosto. A viaxe custa 2 euros para os adultos e 1 para os nenos, e inclúe o permiso de acceso á praia. O bus déixate alí e volve recollerte a unha hora predeterminada. Os seus clientes teñen o acceso garantido á praia, polo que non perciben moitas diferencias con temporadas anteriores.

  •  
  • Enquisadores. A Xunta de Galicia contratou os servizos duna empresa externa que está a facer enquisas ós visitantes para coñecela súa opinión. Falando cun destes enquisadores, o resumo que me facía é que polo xeral a xente valora positivamente a situación xeral da praia, así como as restricións adoptadas este ano. Ven sen embargo falta de información dos visitantes sobre o sistema para a reserva de prazas, e moitos deles atópanse con isto ó chegar alí.

Remato aquí esta serie de dous artigos sobre a situación da Praia das Catedrais trala implantación do novo plan de conservación. Agardo que vos teña servido para facervos unha idea de como están a ser estes primeiros meses. Queda aínda moito por facer, e veremos se co paso do tempo se van afianzando as medidas adoptadas, e desenvolvendo outras novas que permitan mellorar o estado de conservación desta marabilla natural, e protexela de cara ó futuro.

Enlaces relacionados:
Plan de Conservación da Praia das Catedrais. Análise do plan (Parte I).

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

lunes, 3 de agosto de 2015

Plan de Conservación da Praia das Catedrais. Análise do plan (Parte I).

Este verano entrou en funcionamento o Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais. A medida tivo un amplo eco nos medios de comunicación, non só galegos, senón a nivel estatal. O foco da nova estivo sobre todo posto na medida “estrela” do plan, a limitación de acceso á praia, establecendo un límite diario de visitas en tempada alta (verano e Semana Santa) de 4.812 persoas. Pero detrás desta cifra, hai un extenso plan de conservación que tratará de levar a cabo nos próximos anos unha serie de medidas para evitar o que todos estábamos temendo, a degradación da Praia das Catedrais. Ou “a morte da galiña dos ovos de ouro”, coma tan descritivamente se ten dito. Levábase tempo reclamando que había que actuar urxentemente, xa que a situación era insostible. Recordemos só unhas cifras, facilitadas polo Concello de Ribadeo. No verano de 2014, visitaron a praia no mes de xullo unhas 150.000 persoas, con picos diarios de ata 14.000 persoas (23 de xullo). En agosto a cifra foi aínda máis escandalosa: 270.000 persoas. Pero é que xa o venres santo dese mesmo ano houbo, nun só día, 20.000 visitantes. Como todos concordaremos, estes datos son completamente inasimilables para un espazo que está catalogado coma Monumento Natural, ademais de ser Zona de Especial Conservación dentro da Rede Natura 2000.



Pois ben, para paliar esta situación a Xunta de Galicia elaborou un Plan de Conservación que tratará de ordenar e regular o uso público deste espazo natural, co obxectivo principal posto na súa protección. Loxicamente, detrás deste plan hai unha compoñente política (a Xunta non deixa de ser un ente político). E como todo na política, hai defensores e detractores, moi relacionados tamén coa cor desde a que se mire. Ademais lembremos que nas Catedrais teñen competencias tres organismos diferentes, coma son o Concello de Ribadeo, a Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia. Pero eu quero dar a miña opinión, que pode ser máis ou menos acertada, procurando fuxir desta compoñente, e guiándome unicamente polo meu criterio, polo que penso, polo que saquei en conclusión da lectura detida do plan, e pola comprobación “in situ” das medidas na propia praia. Como poderedes imaxinar, a miña opinión vai ir mais orientada cara á conservación, que cara ó aproveitamento turístico do recurso. Penso que aquí está a clave, en ver que é o que se quere primar. En función disto, a uns pareceralles que o plan é esaxerado, a outros que é positivo, e a outros quizais que se queda curto. Cuestión de opinións…




Entrando en materia, o plan considera que a principal ameaza para a conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais é sen dúbida a masiva afluencia de visitantes en determinadas épocas do ano. O que conleva isto sabémolo todos: residuos, colapso de vehículos nos accesos e aparcadoiros, pisoteo continuado e destrución da cuberta vexetal, destrución dos cantís (comezaban a verse xa pintadas e amoreamentos de pedriñas), invasión de tódalas zonas da praia e dos cantís sen ningún control, desbordamento dos aseos públicos e verquidos á praia, etc. Así pois, unha das primeiras e polémicas medidas era valorar a limitación de acceso á praia. 

Cuberta vexetal completamente degradada no entorno dunha das furnas da parte superior dos cantís


A miña opinión a este respecto é clarísima, un rotundo si a impor un límite, como existe en numerosos espazos naturais con problemas similares. Por sorte, e non sen polémica, como dicía, os responsables do plan tamén pensaron que era necesario, e introduciron esta medida. Agora, aquí viña a seguinte polémica, ¿como establecer un cupo de visitas, e en que basearse? Pois ben, para isto decidiron basearse nun traballo redactado por Gómez-Limón García, J. e García Ventura, D. (2014) que adapta ás singularidades dos parques nacionais españois unha metodoloxía empregada en América. Segundo este traballo a chamada “capacidade de carga” dun espazo natural pode valorarse basicamente en dúas vertentes, unha capacidade de carga física, e unha capacidade de carga ecolóxica. Das dúas, como se pode deducir, a segunda é máis restritiva ca primeira, e afortunadamente foi a que se decidiu empregar. Dentro disto, tivéronse logo en conta varios criterios de diversa índole para establecer unhas cifras concretas, que si estades interesados podedes ler no Anexo do Decreto 80/2015. Destes criterios, e con varias fórmulas matemáticas, saíron finalmente tres cifras, en función a tres capacidades de carga ecolóxica:

Criterio de ocupación intensivo: 9.625 persoas ó día

Criterio de ocupación medio: 4.812 persoas ó día

Criterio de ocupación baixo: 1.925 persoas ó día

Así que aquí temos a famosa cifra das 4.812 persoas, da que todo o mundo fala, e da que moitos se preguntan que por que non 5.000 ou 4.750. Porque o criterio de ocupación medio foi o elixido. Xa vedes, non é unha cifra caprichosa, senón baseada nunha serie de fórmulas polas que se lles da peso a diversos factores para establecer a cifra final. En fin, cousas das matemáticas.



Pero a parte do anecdótico da cifra, detrás dela agóchase algo que me sorprendeu enormemente, e que non tivo eco nos medios de comunicación, e penso que tamén pasou desapercibida para os ribadenses. Ou polo menos eu non escoitei nin unha soa palabra en ningún lado nin a ninguén sobre isto. Quizais sexa porque o documento completo do Anexo ó Plan de Conservación (non o Decreto polo que se aproba, senón o Anexo) ten 130 páxinas cargadas de datos, táboas, gráficos, planos, etc., que non son doados de ler. E seguramente a maioría da xente coñece o plan só en base ás informacións recollidas nos medios, e non por telo lido. Pois ben, resulta que lendo detidamente o plan (eu lino varias veces) conclúese que as famosas 4.812 persoas de límite establécense como a medida óptima de persoas que visiten nun día todo o espazo do Monumento Natural. Repito, todo o espazo. É dicir, non só o areal e a zona dos famosos arcos. ¿E por que insisto neste punto? Porque o cupo finalmente estase aplicando exclusivamente ó acceso ó areal, quedando a parte superior dos cantís e o resto de zonas accesibles (sendeiros, aparcadoiros, etc.) fora desta cota e completamente libres para o acceso de cantas persoas queiran. E o curioso é que no propio plan, despois de establecer este criterio como aplicable a todo o Monumento Natural, establécese que se aplicará exclusivamente á zona da praia. Ou sexa, calcúlase unha cota tendo en conta os factores que afectan a todo o espazo natural, e logo resulta que se aplica só para unha parte. Conclusión, a medida que establece a capacidade de carga está mal establecida, e debería recalcularse polo tanto tendo en conta exclusivamente a zona da praia, que é a onde se aplica. Atrévome a aventurar que deste modo a cifra de visitantes permitidos sería aínda máis baixa.



Á marxe do límite diario de visitas, que foi o máis noticiado, o Plan contempla moitas máis medidas que son de gran importancia para a conservación das Catedrais. Así, fíxose un primeiro estudio da fauna e flora presentes no espazo, detectando a presenza de 13 especies vexetais invasoras, e propón medidas para a súa eliminación. Tamén se fai moito énfase na degradación da cuberta vexetal da parte superior dos cantís, e tomaranse medidas de restauración e protección para devolvelos ó seu estado orixinal e evitar que sigan degradándose. Prohíbense tamén actividades que poidan alterar o medio ou que sexan molestas, e regúlanse aquelas que se queiran facer dentro do espazo (carreiras, competicións, uso de embarcacións colectivas de recreo, etc.). Prohíbese radicalmente calquera construción dentro dos límites do Monumento Natural - quen nos dera ter este plan fai uns cantos anos, cando se fixo o desafortunado restaurante-. Non obstante,  e para esta construcción en concreto, levaranse a cabo medidas para mitigar o seu impacto visual, actuando sobre a súa terraza, o valado que a rodea, eliminación de setos e plantas invasoras coas que adornan o xardín, etc. Establécese un servizo de control, xa en funcionamento, para vixiar o cumprimento da nova normativa, así coma regular o acceso á praia. E así varias medidas máis que na miña opinión son moi positivas.

Outra das propostas, que tamén me sorprendeu gratamente e da que tampouco escoitara nada por ningún lado ata que lin o plan completo, é a creación dunha ruta ornitolóxica coa instalación de observatorios de aves. Enmárcase dentro das medidas propostas para a desestacionalización das visitas.



En resumo, trala análise detallada do Plan de Conservación, atrévome a dicir que é un plan ambicioso, que recolle numerosas medidas e que aborda a problemática surxida neste particular espazo natural durante os últimos anos desde varios puntos de vista. Penso que ten aspectos que se poden mellorar, e que ten tamén varios fallos no seu plantexamento. Organismos coma o Concello de Ribadeo protestaron publicamente por considerar que non se tiveron en conta moitas das súas reclamacións. Pero por outra banda, o Plan ven a dotar por fin dunha regulación a esta marabillosa praia, que temos que ser conscientes delo, deixou de ser fai moito tempo patrimonio dos ribadenses, para converterse nun espazo recoñecido internacionalmente e visitado por milleiros de persoas de todo o mundo. 

Para non estenderme demasiado, remato aquí a primeira parte deste artigo, que continuará cunha segunda (ver Parte II). Nela falarei de cómo está sendo o comezo da aplicación práctica destas medidas. E traerei tamén a opinión de cómo está sendo visto este proceso por parte dos propios implicados: visitantes, traballadores do Concello na praia, traballadores da Xunta, socorristas, guías, etc.

Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

miércoles, 17 de diciembre de 2014

Sustitución de eucaliptos por especies autóctonas na Ría de Ribadeo

 

Estes días publicouse na prensa unha nova que non por agardada, deixa de ser unha boa nova para a Ría de Ribadeo, e para todos os que queremos vela mellorar medioambientalmente. Trátase da eliminación da cuberta vexetal de eucaliptos nun tramo costeiro da ría para sustituilos por especies autóctonas. O tramo no que se realizará esta intervención está comprendido entre a Vilavella e o muín das Aceas, no terreo que hai entre a senda peatonal e a beiramar. Desde fai tempo coñecía os plans do Concello para levar a cabo esta actuación, que polas dificultades administrativas que conlevaba, se dilatou máis do desexado. Pero por fin se fai pública a nova, do que me congratulo especialmente. Sen dúbida, unha moi boa nova para a nosa querida ría. Non todo ían ser malas novas, que xa bastante maltratada está. Sen máis preámbulos, aquí vos deixo o texto completo, extraído do xornal dixital Crónica 3:

Ribadeo, 16 de decembro de 2014.- O Concello substituirá ao longo das vindeiras semanas os eucaliptos situados á beira da ría entre a Vilavella e As Aceas por árbores autóctonas, “por vexetación de ribeira, como a que había antigamente”, segundo explicou hoxe o alcalde. Fernando Suárez Barcia considera que “se trata dunha actuación moi valorada polos cidadáns que pasean por toda esa zona”.
O rexedor sinalou que “desde o Concello estamos convencidos da capacidade que temos desde o punto de visto turístico e medioambiental, como algo que se está conxugando perfectamente, e despois da creación hai uns anos da senda se fixo entre a Vilavella e os muíños de mareas das Aceas queremos agora acometer unha actuación que penso que será moi valorada pola cidadanía. Nesta superficie de máis de 2 quilómetros de longo entre a Nacional 642 e a ría de Ribadeo imos eliminar a vexetación foránea, os eucaliptos, que van ser substituídos por vexetación autóctona: carballos, bidueiros, acivros, loureiros, etcétera; é dicir, por vexetación de ribeira, que era a que había antes de que se plantaran os eucaliptos hai 30 ou 40 anos”.
Fernando Suárez indicou que “podemos facer isto porque esta superficie é pública, porque contamos coas autorizacións pertinentes e porque tamén contamos cunha pequena axuda da Consellería de Medio Ambiente para realizar estes traballos, que se intentaron xa por tres veces e que non se puideron facer nos últimos cinco anos; e non foi por causas achacables senón por cuestións de permisos ou porque outras administracións ían facelo pero finalmente non o fixeron, etcétera. E agora remangámonos, puxemos todo o traballo dos técnicos do Concello e do meu compañeiro Horacio Cupeiro e estes traballos estanse facendo agora a cabalo entre o que queda de ano e principios do ano 2015”. A subvención que lle concedeu a Xunta ao Concello para levar adiante este proxecto foi de 18.000 euros.
O alcalde subliñou que “o resultado desta actuación verase nos vindeiros anos, cando esta vexetación autóctona que vamos plantar agora vaia sendo vizosa e vaia collendo unha estética de fraga, que é o que queremos facer neste entorno marabilloso que a cidadanía usa moitísimo. O que queremos facer é unha auténtica fraga, das que xa non quedan no noso concello”.
E engadiu: “ademais isto vaise sumar ao noso compromiso, que manifestamos non hai moito tempo nun pleno ordinario e que, por certo, contou co apoio unánime de toda a Corporación, para expropiar no ano 2015 outro treito máis a continuación dos muíños de mareas das Aceas para ir recuperando paseniñamente a senda do tren mineiro ao seu paso polo noso concello e facer de todo este treito desde a praia dos Bloques, todo pola beira da ría de Ribadeo, un lugar marabilloso de fraga, de paseo, de vexetación autóctona para maior honra dos veciños que a usen e dos turistas e visitantes que nos veñan ver”.

Para cerrar a entrada déixovos esta foto do Muín das Aceas. Nesta zona consérvase a pouca vexetación autóctona que queda en toda a beira da ría (á esquerda da foto), que convive xunto coa predominante masa de eucaliptos (á dereita).





Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com