As famosas
“Ostras del Eo” que cultiva e comercializa unha empresa do veciño Castropol,
esténdense coma unha praga por toda a Ría de Ribadeo. Probablemente moitos de
vosoutros xa vos tedes fixado na propagación desta especie por toda a costa
rochosa da ría. E os que non o tiñades feito, seguro que a partir de agora o
faredes, porque a súa presenza é escandalosamente visible. E resulta estraño
que ante algo tan evidente, pouco se teña escrito ou falado do tema. Ou polo menos eu nada teño visto. Así que
desde o blog quero dar a coñecer esta situación.
Cassostrea gigas nos penedos da Ría de Ribadeo |
Comecemos por
analizar o molusco en cuestión, a coñecida coma “Ostra del Eo”. O primeiro que
quero dicir é que pouco ten do Eo. Máis alá de que sexa o seu nome comercial,
nin se cría no Eo (críase na ría, non no río), nin procede de aquí, nin o seu
cultivo é exclusivo de aquí. Todo o contrario. Trátase da Cassostrea gigas, unha
especie de ostra procedente dos mares de Xapón, China e Corea, e que debido á
súa boa adaptación a unha gran variedade de condicións ambientais, así como ó
seu rápido crecemento, converteuse desde fai décadas na especie de ostra máis
cultivada do mundo. En España coñécese cos nomes de ostra rizada, ostra
xaponesa, ostra do pacífico, ostra portuguesa ou ostión. Os seus inicios coma
especie comercial fora da súa zona de orixe remóntanse a principios do século
XX, na costa pacífica dos EE.UU. Posteriormente a súa produción estendeuse
polos mares de todo o planeta, desde o Reino Unido ata Australia, pasando por
practicamente tódolos países de Europa, así como África ou Sudamérica. Polo
tanto, trátase dunha especie que coñece como poucas o significado da palabra
globalización.
E como non podía
ser doutro xeito, unha especie que se adapta e resiste tan ben diferentes
condicións e ambientes mariños, é unha candidata perfecta para escapar ó control
humano e comezar a súa propia expansión coma especie, invadindo lugares que non
lle son propios e competindo polo hábitat coas especies autóctonas de cada
zona. É o que ocorreu en moitos dos lugares onde a ostra rizada se cultiva, e
que está levando nalgúns lugares a tomar medidas para tentar controlar a súa
expansión. En España sen embargo, non está incluída no catálogo de especies
invasoras, o que non quere dicir que non o sexa. Como moitos saberedes, a
elaboración do Catálogo español de especies exóticas invasoras, aprobado por
Real Decreto no ano 2013, estivo desde o primeiro momento sometido a unha forte
presión. Hai moitos intereses económicos involucrados e afectados, o que a
piques estivo de botar para atrás a aprobación do decreto. A pesar diso, finalmente
saíu adiante, pero moitas especies exóticas invasoras quedaron fora do
catálogo, e polo tanto, libres polo momento de ser afectadas. Pero isto non
quere dicir que deixen de ser especies invasoras, xa que de feito o son. Por
definición, as especies exóticas invasoras son “especies foráneas (exóticas)
que foron introducidas de forma artificial, accidental ou voluntariamente, e
que despois de certo tempo conseguen adaptarse ó medio e colonizalo. As
especies nativas, ó non ter evolucionado en contacto con estas novas especies,
non poden competir con elas, polo que son desprazadas”. O Real Decreto aprobado
no noso país establece para as especies incluídas no Catálogo, a prohibición
“de posesión, transporte, tráfico e comercio de exemplares vivos ou mortos”. E aquí radica o quid da cuestión, xa que estas tan estritas coma necesarias medidas, van en contra dos enormes intereses creados en
torno a varias especies invasoras. Achegándonos ó caso do que falamos, é doado
imaxinar o que sucedería si a ostra rizada fora incluída no citado catálogo.
Automaticamente a súa produción e venda sería completamente ilegal.
Cassostrea gigas nun penedo xunto con outras especies autóctonas: lámparas (Patella vulgata), mexilóns (Mytilus edulis), chícaros (Littorina littorea) e arneiróns (Chthamalus montagui). |
A ostra propia da ría é a ostra común (Ostrea edulis), da que xa había unha poboación
moi escasa na ría. Non dispoño de datos da súa evolución poboacional na Ría de Ribadeo, nin do impacto que sobre ela está a ter a súa curmá invasora. Pero
atreveríame a dicir que a expansión da invasora debe prexudicar sen dúbida á
autóctona, coa que compite en espazo e alimento. E seguramente non será a única
especie á que prexudique. Segundo os datos de varios estudos científicos “o
impacto biolóxico máis evidente da ostra do Pacífico é o cambio da arquitectura
do substrato onde se establecen as súas poboacións e a modificación da estrutura
e dinámica das comunidades que invade, o que xenera respostas diferentes
segundo o grupo taxonómico considerado. No ambiente onde se establecen alteran
o substrato, a dispoñibilidade de nutrientes na columna de agua, modifican a
dinámica sedimentaria costeira e aceleran o reciclado de nutrientes”. Para
máis información sobre este tema, podedes ler este interesante estudo realizado
en Uruguai:
http://www.smdu.org.uy/93/dosSantos_Fiori_245-252_CSMU93.pdf
Así pois, non
cabe dúbida de que a expansión desta especie invasora pola nosa ría está a alterar a dinámica natural propia do ecosistema local, como o altera a introducción de calquera especie invasora. A clave está en saber si esta alteración pode ser asumida polo ecosistema sin que produza nel unha alteración demasiado grave, ou si pola contra, terá efectos nefastos para algunha especie autóctona, o que sería máis grave.
Non pretende ser
este un estudo sobre tal impacto, senón simplemente un artigo co que quero dar
a coñecer esta situación a quen non a coñeza. E como máis vale unha
imaxe ca mil palabras, aquí vos deixo unhas cantas fotos sacadas na praia do
Cargadeiro, onde se pode apreciar ata que punto chega a colonización desta
especie foránea sobre os penedos da ría. Dicir ademais que as fotos son do
Cargadeiro, pero en calquera outro lugar se poden ver por todas partes.
Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría
de Ribadeo: www.riaderibadeo.com
Así que era iso!! Grazas polo post Quique. Precisamente eu notei recentemente un incremento brutal da poboación de ostras na ría de Ortigueira. Pero pensaba que sería a autóctona. Logo de ler o teu post moito me tempo que non.
ResponderEliminarPor se non había bastantes invasoras xa.. Buf, vaia panorama...
Un abrazo.
Pois sí, así está o panorama na Ría de Ribadeo, Xabi. Seguro que a de Ortigueira é a mesma especie, porque tamén está na Ría do Barqueiro, que eu saiba. E polo que lin cando me estiven documentando para escribir este artigo, son capaces de expandirse a bastante longa distancia.
EliminarApertas.
Na ría de Ortigueira hai unga especie de cetárea ou nave industrial abandonada en Sismundi (Cariño). Teño visto bateas en desuso que puideron ter cultivado esa ostra do carallo.
EliminarBoa entrada Quique! A ostra rizada leva tempo dominando o intermareal da ría tal e como describes e amosan as túas fotografías. Pero non é algo "novo". Explícome: a ostra plana quedou practicamente extinta nas augas galegas pola sobreexplotación nos 60 (os bancos naturais do cantábrico xa tiñan o seu límite de distribución por esta zona, volvendo aparecer cara o leste no límite coas augas francesas). A continuación optouse pola opción máis rápida (erro habitual...) de importar semilla francesa para cultivar aquí, o que trouxo problemas relacionados con enfermidades que agravaron o problema. Finalmente decidiuse criar a semente aquí e controlar o proceso, e así está a situación. Os bancos naturais podería dicirse que case non existen na zona, se ben pode haber bancos "naturalizados" de semilla de cultivo, ou ben pequenas poboacións relictas illadas (creo que na zona de Barreiros hai algún caso).
ResponderEliminarOutro aspecto a ter en conta é que a ostra plana non é un molusco do intermareal (pode aparecer en ocasións moi contadas), senón de fondos do inframareal sempre cubertos por auga. Ademais as fortes correntes da ría non facilitan a fixación das larvas, pero si as das ostras rizadas nas enseadas e no interior do porto.
Nada parece favorecer á poboación local de ostra plana,(se é que aínda existe algún exemplar, e se se trata dos autóctonos e non de orixe francesa), que tamén necesita fondos rocosos de bastante profundidade e escaso sedimento, algo que como sabedes sobra na ría (o sedimento, non a profundidade).
En canto ao impacto que pode causar a extensión desta ostra foránea, está claro que altera as comunidades bentónicas, ocupa o nicho ecolóxico doutras especies, e favorece a acumulación de sedimentos produto da filtración de auga (ata 250 litros diarios).
Dende logo este é un caso máis dunha nefasta xestión dos recursos mariños e o cultivo de especies foráneas de maneira incontrolada. Agora atópase descontrolada, e revertir a situación semella imposible.
Curiosamente, o problema á inversa téñeno en augas do Pacífico e Norteamérica, onde se cultiva a ostra plana, e xa existen poboacións reprodutoras naturalizadas.
Por certo: sempre que vía os carteis desa empresa entrábame a risa. Non sei que é máis gracioso, se vender ostras"de río", ostra do pacífico como "daquí", ou que se críen na saída de puntos de contaminación fecal. Recordo falar cun antigo produtor en Castropol (xa deixara a actividade) que se ría precisamente disto. "Engórdanas na merda" me dixo literalmente.
Claro que non é un problema novo. Mira o comentario de Celia Pacio, antiga patroa das mariscadoras de Ribadeo no enlace que puxen no Facebook. Fala xa de que a principios dos 90 a cofraría fixo un esforzo para eliminar a man unha gran parte delas. Pero isto vai cada vez a mais. Últimamente vense máis e por máis zonas que antes non había, de aí que me decidira a escribir sobre elo dunha vez.
EliminarPerdón polo tostón.
ResponderEliminarLo q fastidia la Ria del Eo es siempre lo q se hace desde Asturias y no desde Ribadeo o es casualidad?
ResponderEliminarLo poco q se del tema es q las ostras purifican el agua y los desperdicios que generan sirven para alimentar a una gran cantidad de especies. Decir las ostras de Castropol comen mierda, y ademas de un ex-productor, deja bien claro la idea q tienen algunos, incluso menos q yo q no trabajo en el sector ni me considero un entendido
Perdon, pero como no se puede editar o no se continuo respondiendome a mi mismo
EliminarAl crear arrecifes, las ostras facilitan el regreso de otros organismos como peces, crustáceos, cangrejos y aves, a una zona en la que el desarrollo humano destruyó su hábitat natural. Evidentemente es una ostra q no es indigena pero como infinidad de ejemplos tanto en mindo animal como vegetal y no por ello tiene q ser dañino
Rodri, para nada he dicho, ni siquiera insinuado, que todo lo que se hace mal en la Ría de Ribadeo sea en la parte asturiana. Ni mucho menos. En este mismo blog podrás ver mis críticas sin tapujos a todas las barbaridades ambientales hechas desde la parte gallega. Mi intención con el blog es poner mi granito de arena para intentar crear un poco de conciencia ambiental a la población local de ambas orillas. Y ahí entra el denunciar las agresiones al medio, vengan de donde vengan.
EliminarMadre mía, que montonazo delas hay. Pois faría falta un estudio deses de impacto medioambiental, non? Presentar un escrito ao Seprona e a Consellería de Medio Ambiente para que se faga? Aínda que o problema tampouco será moi grande, pois imaxino que xa estarán pensando en ir a furtivealas e dentro de pouco de novo rochas limpas.
ResponderEliminarSi se come e vale, a acabar con todo ...
Pois non é ningunha tontería. Documentándome para escribir este artigo lin que a retirada manual da especie pode ter aproveitamento comercial. Así que aí pode haber unha esperanza para o futuro.
EliminarParabéns polo artigo Enrique. Facía falla. Xa hai anos se retiraba a mao en grandes cantidades na ría do Barqueiro por parte das mariscadoras da confraría, e non por comercializala senon pra limpar a ría. Agora mesmo anda se estender por toda a costá. Na ría de Cedeira xa apareceu hai uns aniños e anda a colonizar a maioría sas pedras do adentro da ría. Ostra do país, Ostrea edulis, na ría de Cedeira houbo sempre e penso que algo pode quedar. Os vellos contaban que nos primeiros anos do século XX achegábanse ate acó balandras francesas pra levalas aos seus criadoiros, suponho que as mesmas balandras que viñan a pesqueira da langosta e que deron nome ao Mar dos Balandros.
ResponderEliminarSaúdos.
Interesante aportación Rafa. Gracias.
EliminarNos anos 80-90 houbo unha batea experimental na dársena do porto comercial de Alcoa en Morás (Xove. Desde hai moitos anos esa mesma especie de ostra está extendida pola costa de Lago e Morás. Un saúdo!!
ResponderEliminarXa me comentaran iso. Pasou o mesmo en Ribadeo tamén nesa época. Pero logo aquí a cousa foi a peor porque o cultivo de ostra non só resurxiu, senon que agora cada vez esténdese mais. A superficie cultivada cada vez é maior, e por tanto hai cada vez mais potencial para a súa expansión.
EliminarSinxelamente, grazas!
ResponderEliminarNon hai de qué Antonio. Saúdos.
EliminarNoraboa Enrique. Un artígo que, sen dúbida, invita a reflexión. Cando eu era neno había moita ostra autóctona por debaixo do muelle vello, onde viviron teus pais. Lembro un día que apañei 300 e funllas vender a Pepe da Marina que más pagou, as boas a 3 pesetas e as medio boas a 2 pesetas.
ResponderEliminarOla Jorge. Sí, con toda seguridade, esas ostras eran autóctonas. Eu xa non me acordo de velas. Teño baixado alí moito de pequeno, coller chícaros, pero ostras non. Eu vivín naquela casa desde que nacín e durante bastantes anos, así que pode dicirse que me criei sobre a mesma ría.
ResponderEliminar