Páginas del blog Ría de Ribadeo

sábado, 15 de agosto de 2020

Observando o paso migratorio de aves mariñas

 

 
 
Como dicía na anterior entrada, agosto é un mes excelente para observar o paso migratorio de aves mariñas. Algunhas delas recalan na ría para descansar e repoñer forzas buscando algo de alimento, coma se se tratase dun "área de servizo". Pero a maioría pasa por diante da costa, sen chamar a nosa atención, nunha especie de autovía aérea que usan para chegar ós seus lugares de invernada. Diariamente son milleiros de aves, que pasan máis ou menos preto da costa en función da especie e das condicións meteorolóxicas. 
 
 
 
 
Este fluxo migratorio no Cantábrico dase en dirección oeste, xa que son aves que proceden do norte de Europa e se dirixen cara ó sur, rodeando a Península Ibérica. Por este motivo Galicia é un lugar idoneo para observar aves mariñas en paso migratorio, debido á súa ubicación no extremo máis N.O. da península. Determinados lugares, coma por exemplo, Estaca de Bares, son especialmente bos para facelo. Pero, ainda que en menor medida, calquera cabo da nosa costa pode ser tamén un bo lugar para observar esta migración. E por suposto, desde Ribadeo podemos facelo perfectamente. Iso sí, como dicía antes, as condicións meteorolóxicas influen determinantemente neste fluxo migratorio, e o éxito dunha boa xornada de observación depende casi exclusivamente diso. As mellores condicións danse cando sopra vento do N.O., ou no seu defecto do N., que fan que as aves teñan que voar mais preto da costa. Deste xeito poderemos observar maior cantidade e variedade de aves, e tamén moito mais preto. Non foron precisamente estas as condicións nas que eu saín facer a miña observación. Todo o contrario, xa que ainda que frouxo, o vento sopraba de compoñente S.O., o que alonxa as aves da costa e limita moito a súa observación. A pesar diso, sempre se poden ver aves en paso, e non perder tampouco de vista o mar ante a posibilidade sempre existente de avistar cetáceos.
 
 
 

En canto a especies de aves que observei, o máis abondante sen lugar a dúbidas foron os mazcatos (Morus bassanus). Aquí vai unha foto dun dos poucos que se achegaron algo máis, neste caso un exemplar xuvenil.


 

Grazas ó telescopio, pero sen posibilidade de sacar fotos por estar tan alonxados, observei tamén especies como págalo grande (Stercorarius skua), pardelas (Puffinus spp.) e bandos de pentumeiros (Melanitta nigra). Máis perto da costa tamén lampareiros (Haematopus ostralegus), mazaricos chiadores (Numenius phaeopus) e por suposto gaivotas patiamarelas (Larus michahellis), escuras (Larus fuscus) e choronas (Chroicocephalus ridibundus).

 

 

 

Ainda que non migratorios, outra das aves abundantes na nosa costa son os corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis). 

 

 

En canto á observación de cetáceos, observei ata cinco arroaces (Delfín mular / Tursiops truncatus). Aquí vai unha foto de arquivo doutro día.

 

Este exemplar de Barcus Portacontenedorus tamén estaba en paso migratorio... Como podedes comprobar, estaba ben lonxe, xa que non se ve nin o casco do barco pola curvatura terrestre.


 

Para rematar, unha fotiño dun rabirrubio (Phoenicurus ochruros). Son aves que se moven moito polos cantís. Este non me quitaba ollo.





Saúdos e ata a próxima.


Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com


No hay comentarios:

Publicar un comentario