Páginas del blog Ría de Ribadeo

domingo, 28 de enero de 2024

Censo de aves acuáticas invernantes Ría de Ribadeo (inv. 2023-2024)


Esta semana, aproveitando o bo tempo, estiven facendo o meu censo de aves invernantes na ría. Antes de ir coas cifras totais, comentarei brevemente algúns datos. Comezo por comparar un dos que considero "indicadores" da saúde ornitolóxica do humidal, como son as anátidas. En xeral, podemos dicir que foi un inverno frouxo para estas especies. Pero por desgraza, non é só cuestión dun ano, senon que esta ven sendo a tendencia das dúas últimas décadas na ría, onde as anátidas están en clara regresión. Por exemplo, este ano contei 86 patos rabilongos, o que está bastante por debaixo da media dos últimos dez anos. E non digamos nada se o comparamos coas medias de varias décadas, que triplican esta cifra, con máximos de 800 ou 900 a principios dos noventa.

Patos rabilongos

Algo similar ocorre co pato asubiador, que cuns 200 exemplares, divide por tres as cifras se collemos medias de dúas ou tres décadas anteriores. As 120 cercetas están máis ou menos en liña cos últimos anos, pero tamén por debaixo da media da última década. E moito máis aínda se o comparamos coa media dos últimos vinte anos, que é case do dobre. Ata os lavancos, que parecían resistir en invernos anteriores a comparación con medias de décadas pasadas, quedan este ano en cifras moi baixas.


As aves limícolas tamén teñen unha tendencia descendente, ainda que menos acusada que a das anátidas. Os mazaricos reais son os que máis están baixando, e o seu número reduciuse á metade con respecto á media dos últimos trinta anos. Os pilros comúns baixan tamén lixeiramente. Pola contra, mazaricos chiadores, rabinegros, biluricos claros ou píllaras cincentas manteñen números similares.


Píllaras cincentas

 

Por decimocuarto inverno, desde aquel ano 2011 no que apareceu Panchita, temos aguia pescadora invernando na ría. Este ano tres, a propia Panchita, e outras dúas máis, na liña tamén dos últimos anos.


 

En canto a especies que podemos considerar "rarezas", ou cando menos, pouco habituais, aparece de novo a presenza este ano dunha avoceta. Tamén un ganso bravo, e un pato cristado.

Avoceta

Ganso bravo


E pecho esta breve análise, coas especies de éxito, aquelas que consegueron adaptarse ós grandes cambios que sufriu o noso humidal para aumentar a súa poboación invernante. Sen dúbida a gran destacada é a garza boieira, que en consoancia co que ocorre no resto do Cantábrico, experimentou unha explosión poboacional sen parangón. Ata tal punto, que sen contar as gaivotas, trátase xa da especie que maior número de individuos aporta ó censo.

Garzas boieiras

Tamén os cullereiros forman parte xa da nosa avifauna habitual, desde que se comenzaron a quedar a invernar na ría hai xa vinte anos. O seu número foi crecendo pouco a pouco, ata pasar da corentena estes últimos dous anos.

Cullereiros

 

E agora sí, imos coas cifras de individuos por especie que saquei estes días na ría.

 
Nome científico N. castellano
N. galego Número
Gavia arctica  Colimbo ártico Mobella ártica 1
Podiceps nigricollis Zampullín cuellinegro Mergullón de pescozo negro 6
Phalacrocorax carbo Cormorán grande Corvo mariño 45
Phalacrocorax aristotelis Cormorán moñudo Corvo mariño cristado
 2
Bubulcus ibis Garcilla bueyera Garza boieira 520
Egretta garzetta Garceta Garzota 30
Ardea cinerea Garza real Garza real 63
Platalea leucorodia Espátula Cullereiro 41
Anser anser Ánsar común Ganso bravo 1
Mareca penelope Silbón Pato asubiador 205
Anas crecca Cerceta Cerceta 120
Anas platyrhynchos Ánade azulón Lavanco 300
Anas acuta Ánade rabudo Pato rabilongo 86
Aythya fuligula Porrón moñudo Pato cristado 1
Melanitta nigra Negrón Pentumeiro 6
Haematopus ostralegus Ostrero Lampareiro/gabita 9
Recurvirostra avosetta Avoceta Avoceta 1
Pluvialis squatarola Chorlito gris Píllara cincenta 32
Calidris alpina Correlimos común Pilro comú 190
Limosa limosa Aguja colinegra Mazarico rabinegro 15
Numenius phaeopus Zarapito trinador Mazarico chiador 16
Numenius arquata Zarapito real Mazarico real 43
Tringa totanus Archibebe común Bilurico común 2
Tringa nebularia Archibebe claro Bilurico claro 42
Actitis hypoleucos Andarríos chico Bilurico das rochas 12
Chroicocephalus ridibundus Gaviota reidora Gaivota chorona x
Larus fuscus Gaviota sombría Gaivota escura x
Larus michahellis Gaviota patiamarilla Gaivota patiamarela x
Larus marinus Gavión atlántico
Gaivotón 4
Alcedo atthis Martín pescador Picapeixe 1
Circus aeruginosus Aguilucho lagunero Tartaraña das xunqueiras 2
Buteo buteo Busardo ranotero Miñato 1
Pandion haliaetus Águila pescadora Aguia pescadora 3

*x - especie observada, sen contar exemplares. 


Mobella ártica

Garza real


Saúdos e ata a próxima.

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons

Enrique Sampedro Miranda

Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com


No hay comentarios:

Publicar un comentario