Páginas del blog Ría de Ribadeo

viernes, 10 de enero de 2014

Máis citas e fotos pola ría



Traio máis citas e fotos dos últimos días pola ría, e comezo polo mergo do que falei na anterior entrada, que desta vez conseguín ver mellor. Confírmase que era un macho de mergo cristado (Mergus serrator), e non de mergo grande (Mergus merganser). Aquí deixo unha foto testemuñal del, preto da praia dos Bloques, en Ribadeo. Tamén por alí andaban dous mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis).



Nunha zona máis interna da ría, no Muro das Lamas, descubrín a presenza dun bilurico escuro (Tringa erithropus) polo medio dos biluricos pativerdes (Tringa nebularia). Había tamén 16 biluricos patirrubios (Tringa totanus), e un picapeixe (Alcedo athis).

Bilurico escuro entre os pativerdes


Biluricos patirrubios

Do outro lado da ría, na enseada da Lieira, ademáis dun nutrido grupo de corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo) en labouras de pesca colectiva, o máis destacado é que conseguín por fin contar tódolos pilros comúns (Calidris alpina), dando unha cifra aproximada de 225. Tamén puiden contar 10 lampareiros (Haematopus ostralegus), e 12 cullereiros (Platalea leucorodia).

A Lieira


Pilros comúns

Pilros comúns

Lampareiros


Na enseada do Tarrón, esta tartaraña das xunqueiras facía honra ó seu nome vixiando as xunqueiras da zona na búsqueda da súa próxima presa.


E como últimas citas interesantes de novo pola zona interna da ría a dun mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis), que a pesar de ser especie residente na ría e coñecer as súas zonas preferidas, ainda non vira ningún ata hoxe. Tamén 250 lavancos (Anas platyrhynchos), 45 patos frisados (Anas strepera), unhas 60 cercetas (Anas crecca), e patos rabilongos (Anas acuta) e asubiadores (Anas penelope). Gustaríame dar datos máis completos sobre as anátidas, pero non conseguín contalos todos, posto que andan en bandos moi dispersos e moi distantes uns doutros. A ver si outro día podo facer o censo completo.






Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario