Se o 2015 remataba no blog cunha entrada sobre a Ría de Ribadeo, o 2016 comeza do mesmo xeito. Nesta ocasión tráiovos algunhas fotos sacadas un dos primeiros días do ano no peirao de Ribadeo. Nun único paseo partindo do porto deportivo, pasando logo polo pesqueiro, e rematando no peirao comercial, pódese observar unha interesante variedade de especies. Son aves que as temos aí á nosa beira, pero que moitas veces pasan desapercibidas para a maioría da xente.
Comecei o paseo no porto deportivo, e nada máis chegar xa se presentou a primeira especie interesante, unha mobella grande (Gavia immer).
Trátase dun ave moi escasa, pero da que tódolos invernos podemos observar varios exemplares na nosa ría. A poboación europea reprodúcese na tundra e nos bosques boreais, e durante o inverno é cando os podemos ver nas nosas costas, aínda que en números moi reducidos, como dicía. Estímase que na península poden invernar en torno a 300-500 individuos, a maioría deles na costa cantábrica e atlántica.
Sen saír do peirao deportivo, pronto apareceu outra das xoias da nosa fauna, un picapeixe (Alcedo athis). Delatouno o seu chío agudo e prolongado, que me fixo mirar para onde el estaba. A pesar dos seus incesantes vos e mergulladuras entre as embarcacións amarradas nos pantaláns, conseguín tirarlle algunha foto mentres pousaba no motor fora borda dunha delas.
O espigón da mariña seca do Clube Náutico é outro bo lugar para observar aves mariñas. Alí soen pousarse a descansar, xa que ó estar pechado o acceso ás persoas, as aves atopan un lugar seguro no que librarse das molestias humanas. Así, é habitual ver alí corvos mariños (Phalacrocorax carbo) secando as súas ás ó vento, gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) e escuras (Larus fuscus), gaivotóns (Larus marinus) ou algún carrán (Sterna spp.).
Corvo mariño grande e gaivotón |
De aí pasei á dársena pesqueira, ó pé da lonxa, onde tamén se poden ver moi de preto gaivotas, algunha mobella ou corvos mariños. E tamén nesta ocasión un corvo, pero non mariño, senón un corvo pequeno (Corvus corone).
Mentres me sobrevoaba unha garza boieira (Bubulcus ibis) que iría cara a algún prado do interior a alimentarse, achegueime para ver a outros dos habitantes do noso porto, os pilros comúns (Calidris alpina), que aproveitan os penedos do dique para descansar a salvo das mareas.
E o paseo rematou no peirao comercial. Ó carón dos barcos de carga, guindastres e camións levando e traendo pasta de papel, madeira e caolín, é posible observar aves salvaxes tan fermosas coma por exemplo os mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis), habituais na enseada situada entre o porto e a praia dos Bloques.
Estas aves invernantes na nosa ría, comparten espazo tamén nesta zona con outras especies que se poden ver por aquí cando a marea está baixa, coma cullereiros (Platalea leucorodia), garzotas (Egretta garzetta), ou con sorte, algún carolón (Alca torda), como xa teño visto noutras ocasións.
Como vedes, non fai falta saír moi lonxe da casa para poder gozar da natureza salvaxe na nosa ría. É máis, nin sequera fai falta desprazarse a zonas da ría que sen dúbida están mellor conservadas ca esta. Nun entorno tan humanizado e alterado como a zona portuaria de Ribadeo, é posible facelo.
Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com
.
grazas!
ResponderEliminarE a ti por pasarte por aquí Antonio. Saúdos
EliminarBonita entrada para inaugurar el año Enrique.
ResponderEliminarSorprende a veces lo tenaz que es la naturaleza a pesar de tanta presión humana.
Un saludo.
Juanjo
Sí, es una constante. La naturaleza siempre busca la forma de abrirse camino, a pesar de lo difícil que se lo ponemos.
EliminarSaludos
Hola Enrique.
ResponderEliminarLa verdad es que no está nada mal, un paseo muy fructífero.
Un abrazo,
Rafa.
Pues sí. Y además el tiempo acompañaba por aquellas fechas. No como ahora, que aunque ya no estoy en Galicia, veo la que os está cayendo en estos días.
EliminarUn abrazo