Páginas del blog Ría de Ribadeo

viernes, 10 de enero de 2020

Comezando o ano na ría

Pois qué mellor forma de comezar o ano nun blog que se chama "Ría de Ribadeo", que na propia ría. Porque por aquí ando estes primeiros días do ano. E coma tódolos anos, aproveito estas datas para facer o meu propio censo de aves acuáticas invernantes no estuario.



Este ano coincido por certo coas datas dos diversos censos oficiais que se fan na ría. Sen ir máis lonxe, hoxe mesmo encontreime por aquí con Gustavo Martínez Lamas, que andaba facendo o censo de Arcea para a Xunta de Galicia. Así que, tras atoparnos, percorrimos  xuntos varios puntos da ría censando diversas especies, e de paso conversando e confrontando datos e cifras das nosas observacións antes de térmonos xuntado. Todo un pracer compartir esta tarde pola ría.

As cifras do censo déixoas para unha futura entrada. Hoxe colgo só unhas poucas fotos destes días pola ría. Aquí van.
 

Biluricos pativerdes (esquerda), píllaras cincentas e mazarico real (dereita)

Garzotas e garzas boieiras

Garzota


Cercetas

Mobella grande (Gavia immer)

Bilurico pativerde (Tringa nebularia)

Bilurico das rochas (Actitis hypoleucos)


Na última foto pódese ver que o mazarico real da esquerda está anelado. Leva na pata esquerda unha anela amarela, e na dereita unha branca co código H51. Este exemplar leva na ría polo menos dende o mes de outubro, data na que fora localizado por Gilberto S. Jardón. Pola miña parte pasarei tamén a cita da miña observación ós responsables do programa.

Saúdos e ata a próxima.


Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario