A pasada semana estiven en Ribadeo. Por fin, sen "causas xustificadas", nin de "forza maior", nin un motivo legalmente válido para ter que ir, como pasaba ata agora. Por fin recuperamos a mobilidade. Un dereito fundamental que por mor da maldita pandemia perdéramos, e que parecía que ata era o normal. Que conste que para min as restriccións de mobilidade eran necesarias, igual que moitas outras restriccións coas que levamos convivindo os últimos meses. Pero é algo que esperemos non ter que volver vivir, porque foi realmente triste.
Unha das cousas que máis me gosta cando vou a Ribadeo é pasear pola beira do mar. Xa sexa polo paseo marítimo, polo porto, polas praias, ou, en moitas ocasións, polos cantís de Piñeira ou de Rinlo. Cando vou por éstes últimos lugares aproveito normalmente para botar unha ollada ás aves da zona. Desta vez andiven tamén por alí, pero foi u paseo en familia e non adiquei moito tempo a observar aves. Pero un soe andar sempre coa cámara, así que algunhas fotiños sí que tirei. Nada que mereza a pena reflexarse nun blog de aves, pero sí unhas imaxes para gardar na memoria do blog como o primeiro paseo costeiro tralo duro confinamento territorial que levamos vivido.
A charca de Rinlo está nun nivel de auga bastante bo para poder observar limícolas, e a posibilidade de que apareza en calquera momento algunha cita interesante. Pero non foi nesta ocasión, xa que apenas había as sempre presentes gaivotas, lavancos e unha garza real.
Os xílgaros e lavandeiras marelas deleitáronme cun baño e aseo moi refrescante.
Sen máis pretensión que a de colgar estas poucas fotos, remato por hoxe.
Saúdos e ata a próxima.
Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario