Páginas del blog Ría de Ribadeo

miércoles, 30 de junio de 2021

Ruta ó Picu Urriellu (Naranjo de Bulnes)


 

Por fin, despois de tantos meses sen poder viaxar libremente, pouco a pouco imos recuperando a normalidade perdida. E con ela, chega tamén o momento de poder ir ó campo e á montaña. De volver a lugares que ata fai pouco tiñamos proihibidos. E un deses lugares, e non un lugar calquera, senon un moi especial para min, é Asturias. Como ribadense, estou afeito a cruzar á outra beira da ría como quen muda de beirarrúa. A mobilidade entre os habitantes da nosa comarca astur-galaica é contínua, e natural. E non poder cruzar ó outro lado, era como non poder entrar en parte da túa casa. 

Así que agora que xa se pode volver, decidín facelo ó grande. Cunha ruta que levaba anos desexando, pero que por unha cousa ou outra nunca fixera. E agora aprendimos que as cousas hai que facelas cando se pode. Non vaia ser o demo, ou un virus, que nos impida facelo no futuro... 

E como non podía ser doutra forma, esta ruta ó Pico Urriellu fíxena acompañada da miña compañeira de andainas últimamente pola montaña, a miña irmá Carmen. Como lle digo, facemos moi bo tandem nas alturas, así que espero seguir compartindo moitos anos con ela esta afición que nos une.



A ruta propiamente dita comezámola preto do collado Pandébano, a onde chegamos en coche despóis dalgo mais de tres horas de viaxe desde Ribadeo. É o lugar máis preto do Urriellu ata onde se pode chegar en coche, para facer unha ruta de ida e volta de aproximadamente 13 km. Pero moito ollo, que igual que pasa en cada vez máis lugares, o acceso ata aquí en coche agora está restrinxido en tempada alta.

A ruta comeza cunha pequena subida ata o collado Pandébano propiamente dito, dende onde obtemos as primeiras e espectaculares vistas do lugar onde nos atopamos, así como a primeira visión do noso obxetivo, o "Naranjo de Bulnes". Unha fermosa paisaxe de alta montaña, con imponentes picos que nos rodean, e verdes prados alpinos. A subida é suave ata a "Majada de la Tenerosa", onde se atopa o refuxio do mesmo nome.




 

Desde aquí ata o coñecido como "Collado Vallejo" a ruta comeza pouco pouco a gañar altura e desnivel. 





Pero ben vale a pena este primeiro esforzo, xa que pasando entre dous enormes bloques de pedra que conforman o xa citado "Collado Vallejo", obtemos unha impresionante panorámica do Urriellu e de toda a paisaxe oradada polos antigos glaciares que cubrían a zona.








Iniciamos a parte máis dura da ruta. Agora o camiño estréitase e comeza a gañar altura de forma máis acusada. Primeiro pola zona coñecida como as "Traviesas", onde o sendeiro foi tallado sobre a propia rocha para facilitar o acceso a pe ó Urriellu por esta zona. E tras elas, o camiño ábrese paso zigzagueando entre enormes bloques de pedras, desprendidos do mazizo que as rodea, así como polos típicos canchais de alta montaña. As vistas son espectaculares mires para onde mires, coa inmensa mole caliza do Naranjo de Bulnes vixiando tódolos teus pasos.







Pero si tes ollos para poder fixarte en cousas menos grandiosas, poderás atopar tamén a certos moradores destas alturas, como as choias de bico amarelo (chova piquigualda / Pyrrhocorax graculus), a azulenta alpina (acentor alpino / Prunella collaris) ou unha desafortunada musaraña gris (Crocidura russula).




 

Pero ineludiblemente, aquí quen manda é o "Naranjo", así que a mirada acabará voltando, imnotizada, cara á gran parede. E así ata chegar á Vega de Urriellu, lugar onde se asenta o refuxio de montaña, e onde remata a nosa ascensión.











 

Tralas fotos de rigor e despois de repor forzas comendo, descansando, e admirando as impresionantes vistas, chega o momento de emprendela volta. Será polo mesmo camiño de subida, que aínda nos deixará outra visión diferente e un espléndido sabor de boca desta fermosísima ruta polo corazón dos Picos de Europa.







 

 E para rematar a entrada, unha das perspectivas probablemente máis famosas do Urriellu, a panorámica desde o mirador do "Pozo de la oración", en Arenas de Cabrales.




Saúdos e ata a próxima

Imaxes e texto baixo licenza Creative Commons

Enrique Sampedro Miranda

Blog Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

 

2 comentarios:

  1. Un lugar especial, gracias por tu crónica.

    ResponderEliminar
  2. Sí, un lugar increíble. Seguramente lo conoces, ¿no Luisjo?
    Saludos y gracias por la visita y el comentario.

    ResponderEliminar