Páginas del blog Ría de Ribadeo

lunes, 7 de octubre de 2013

Presentación oficial de Ribadeo Birding e do folleto de aves da ría de Ribadeo

O sábado foi a presentación oficial do proxecto Ribadeo Birding, e do folleto de turismo ornitolóxico da ría de Ribadeo. Os actos saíron reflexados en diversos medios de comunicación escrita, como La Voz de Galicia, El Progreso ou o xornal dixital Crónica 3. Así recollía este último medio a nova.


A Área de Turismo da Deputación apoia a promoción da riqueza ornitolóxica da ría de Ribadeo




Ribadeo, 5 de outubro de 2013.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, participou, este sábado, na presentación do proxecto Turismo Ornitolóxico – Ribadeo Birding, que desenvolve o concello de Ribadeo en colaboración coa área de Turismo da institución provincial. No acto de presentación que se celebrou na oficina de turismo da vila, coincidindo co Día Mundial das Aves, tamén participaron Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo; Ana Martínez, concelleira de Turismo e Desenvolvemento Local de Ribadeo; e Enrique Sampedro, autor do traballo e asesor ornitolóxico.
Este proxecto de turismo ornitolóxico é dunha iniciativa orientada á promoción de toda a riqueza natural que a ría de Ribadeo pode ofrecer ao visitante que se basea na potencialidade natural da zona, así como na gran variedade de actividades e servizos complementarios que se poden ofrecer.
Ribadeo Birding contempla dúas iniciativas: un portal web, http://birding.ribadeo.org, no que o visitante poderá atopar non só información ornitolóxica senón tamén o aloxamento que máis se adapte ás súas necesidades, a gastronomía local, así como o conxunto actividades de lecer que Ribadeo ofrece; e un folleto turístico dedicado á ría de Ribadeo e ás súas aves, e que servirá aos visitantes para coñecer mellor e disfrutar do humidal.
Segundo sinalou Antonio Veiga “estamos ante un proxecto de dinamización turística co que se pretende demostrar o enorme potencial que tanto a vila de Ribadeo, como o entorno natural que a rodea, ten de cara converter esta zona nun destino turístico máis alá de períodos estacionais, así como descubrir ao visitante novas formas de lecer”.
Pola súa banda, Fernando Suárez agradeceu a “indispensable” colaboración da área de Turismo da Deputación para a posta en funcionamento do Ribadeo Birding e explicou que “a día de hoxe existe un segmento turístico interesado pola natureza e en Ribadeo temos unha riqueza natural e medioambiental moitas veces descoñecida, polo que estas ferramentas, tanto a web coma o folleto, servirán para atraer a ese segmento, o que xerará riqueza, sempre desde o punto de vista da sustentabilidade”.
A presentación do proxecto rematou coa realización dunha pequena ruta urbana a pé pola beira da ría de Ribadeo para intentar observar algunhas das aves que por esta época do ano alí habitan e que permitiu aos presentes comprobar a riqueza paisaxística e ornitolóxica da vila mariñá.





Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario