Tiña reservada esta "perla" para meter nunha entrada a parte, porque a cita ben o merece. O pasado día 7 de setembro o amigo Pablo García González (a quen alguén xa bautizou coma o "corresponsal" oficial do blog Ría de Ribadeo...) observou 4 cegoñas negras (ciconia nigra) na ría. Unha cita espectacular, dado a rareza desta especie por aquí. De feito, só coñezo dúas citas máis deste ano en Galicia, e ningunha en Asturias. E por si fora pouco, ata lles conseguiu tirar algunhas fotos, ainda que non moi boas, o suficiente para recoñecer a especie.
| Cegoña negra / ciconia nigra / cigüeña negra sobrevoando a ría de Ribadeo. Fotografía: Pablo García González. |
| Aquí poden verse dous exemplares. Fotografía: Pablo García González |
Dadas as datas e a zona, puidera tratarse de exemplares en paso migratorio procedentes do norte dos Pirineos, que se desviaran da ruta máis habitual para esta especie cando realiza a súa migración outonal (agosto-outubro), que é máis común polo oriente peninsular.
| Rutas migratorias en Europa da cegoña negra. Fonte: Wikipedia. |
Curiosamente, onte, día 12 de setembro, Diego R. Vieites observou tamén 4 exemplares no Parque Natural de Corrubedo (Ribeira, A Coruña). ¿Poden tratarse das mesmas que observou Pablo aquí? Pode ser. En calquer caso, noraboa ós dous por estas magníficas citas. E gracias coma sempre a Pablo García pola súa colaboración co blog enviándome fotos e citas do que ve pola zona.
| Exemplar de cegoña negra fotografiada en Monfragüe (maio de 2012) |
Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: http://ria-de-ribadeo.blogspot.com