Estamos en plena temporada invernal, e a ría de Ribadeo está a rebosar de aves por todas partes. Mires cara a onde mires, hai cousas interesantes, xa que son moitas as especies que se poden observar. Na miña última visita, din boa fe delo, e aquí vos traio un resumo.
Comecei a miña ruta pola enseada da Lieira. Desde a praia de Salías (Castropol) o primeiro que me chamou a atención foi o numeroso grupo de cullereiros (Platalea leucorodia) que había. Contei 16, un número nada modesto. Cada vez é máis abundante a presenza desta especie na nosa ría, podendo decirse xa que se trata dunha invernante habitual. Mentres estaba alí, apareceu o meu amigo Pablo García, co que estiven un rato falando, e me contou que facía uns días contaran ata 18 exemplares.
Entre este grupo de cullereiros había un anelado. Non conseguín velo ben nin collelo en ningunha foto (tampouco o intentei demasiado, a verdade). Pero polas características das anelas que se lle poden ver, atreveríame a dicir que se trata dun animal anelado en Holanda. Veremos si outro día consigo verlle mellor as anelas, o algún dos habituáis da ría (Pablo e compañía) o fan, e se confirma este dato.
Xunto cos cullereiros, o máis destacado por esta zona era a presenza dun bando de mazaricos reais e chiadores (Numenius spp.), 14 biluricos pativerdes (Tringa nebularia) e dous mazaricos rabinegros (Limosa limosa). Polo medio deles, ademáis de gaivotas patiamarelas (Larus michaellis), escuras (Larus fuscus) e choronas (Chroicocephalus ridibundus), había tamén varias garzotas (Egretta garzetta) e algúns pilros comúns (Calidris alpina).
| Panorámica na que se aprecian 4 cullereiros, garzotas, gaivotas e o grupo de limícolas. |
| Gaivotas, mazaricos, e os dous mazaricos rabinegros no medio. |
| Un solitario pilro común no medio dos "xigantes" |
Nos penedos próximos á praia fixo acto de presencia un dos habituais desta zona, o martín pescador (Alcedo atthis).
E no interior da enseada, grandes bandos de patos asubiadores (Anas penelope), e lavancos (Anas platyrhynchos) andaban dun sitio para outro. Mentres, máis dunha decea de garzas reais (Ardea cinerea) estaban pousadas na beira oposta.
Pero non todo ía ser mirar ó mar, e encargouse de recordarmo un fermoso paxariño, que me fixo virarme ó ver algo moverse polo rabiño do ollo. Tratábase desta carriza dos xuncos (Cisticola juncidis) que se pousou nun silveiro mentres a retrataba.
Para finalizar esta primeira parte, citar tamén que na entrada da enseada puiden ver un par de pentumeiros (Melanitta nigra), pero demasiado lonxe como para sacarlles foto. A parte da mobella ártica (Gavia artica) da que falei na anterior entrada (ver entrada), e da que volvo colgar aquí dúas fotos.
Remata así esta primeira parte, aclarando que decidín facer dúas entradas coas observacións e fotos deste día, porque de facelo só nuhna, quedaría demasiado pesada. Así que vos emprazo a seguir atentos a "Ría de Ribadeo" para ver o que deparou o resto da xornada.
| Enseada da Lieira |
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com




































