Aquí sigo, dando voltas pola ría de Ribadeo, e non me canso... Porque esta ría é moita ría, e sempre ten cousas que ofrecer a calquera afeccionado á observación de aves. Aquí van as últimas citas e fotos destes últimos días. Comezo cunhas das máis interesantes, feitas onte mesmo na compaña de Pablo García. Desde a Punta de Castropol observamos estas dúas mobellas árticas (Colimbo ártico / Gavia artica).
Desde este mesmo punto puidemos ver tamén un mergullón cristado (Somormujo lavanco / Podiceps cristatus) e un pentumeiro (Negrón común / Melanitta nigra). Tamén este grupo de cinco mergos cristados (Serreta mediana / Mergus serrator) que levan un tempo por aquí.
Por certo, algo máis tarde vimos do outro lado da ría, na praia dos Bloques en Ribadeo, o que podería ser un macho de mergo grande (Serreta grande / Mergus merganser). Pero estaba moi lonxe e cando cruzamos a ría para velo mellor, xa non estaba. Así que agardaremos a ver si estes días volvemos ver o bicho e confirmar si era isto, ou un macho de mergo cristado, que sería o máis probable.
Do que non cabe dúbida é do que son este grupiño de mergullóns de pescozo negro (Zampullín cuellinegro / Podiceps nigricollis), que xunto con outros que vimos, sumaban un total de 15 exemplares.
E outras das habituais desta zona da ría son as mobellas grandes (Colimbo grande / Gavia immer).
Tamén andaba por alí un bilurico bailón (Andarríos chico / Actitis hypoleucos).
Na praia de Salías había sorpresa. Entre un grupiño de lavancos apareceu este solitario pato chupón (Porrón común / Aythya ferina).
Outra observación que quero mencionar foi a desta gaivota cana, de primeiro inverno, que fotografei o día 3 de xaneiro na praia de Penarronda.
| Gaivota cana, a do medio da dereita |
| Gaivotas escuras (Larus fuscus) á esquerda e patiamarelas (Larus michahellis) á dereita |
Continúan pola ría, e esperemos que así sexa durante todo o inverno, as dúas aguias pescadoras (Pandion haliaetus). O pasado día 4 pilleinas ó mesmo tempo a cada unha na súa estaca, comendo cadansúa presa. A máis cercana era Panchita, porque puiden verlle as anelas. A outra estaba demasiado lonxe, pero imaxino que sería a recentemente bautizada Virxilia.
E para rematar, unhas fotos curiosas do atardecer dese mesmo día no porto deportivo de Ribadeo, onde me chamou a atención esta concentración de lavandeiras brancas das dúas subespecies (Motacilla alba alba e Motacilla alba yarrelli).
Imágenes y texto bajo licencia Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda
Ría de Ribadeo: www.riaderibadeo.com



















