As famosas
“Ostras del Eo” que cultiva e comercializa unha empresa do veciño Castropol,
esténdense coma unha praga por toda a Ría de Ribadeo. Probablemente moitos de
vosoutros xa vos tedes fixado na propagación desta especie por toda a costa
rochosa da ría. E os que non o tiñades feito, seguro que a partir de agora o
faredes, porque a súa presenza é escandalosamente visible. E resulta estraño
que ante algo tan evidente, pouco se teña escrito ou falado do tema. Ou polo menos eu nada teño visto. Así que
desde o blog quero dar a coñecer esta situación.
 |
Cassostrea gigas nos penedos da Ría de Ribadeo |

Comecemos por
analizar o molusco en cuestión, a coñecida coma “Ostra del Eo”. O primeiro que
quero dicir é que pouco ten do Eo. Máis alá de que sexa o seu nome comercial,
nin se cría no Eo (críase na ría, non no río), nin procede de aquí, nin o seu
cultivo é exclusivo de aquí. Todo o contrario. Trátase da Cassostrea gigas, unha
especie de ostra procedente dos mares de Xapón, China e Corea, e que debido á
súa boa adaptación a unha gran variedade de condicións ambientais, así como ó
seu rápido crecemento, converteuse desde fai décadas na especie de ostra máis
cultivada do mundo. En España coñécese cos nomes de ostra rizada, ostra
xaponesa, ostra do pacífico, ostra portuguesa ou ostión. Os seus inicios coma
especie comercial fora da súa zona de orixe remóntanse a principios do século
XX, na costa pacífica dos EE.UU. Posteriormente a súa produción estendeuse
polos mares de todo o planeta, desde o Reino Unido ata Australia, pasando por
practicamente tódolos países de Europa, así como África ou Sudamérica. Polo
tanto, trátase dunha especie que coñece como poucas o significado da palabra
globalización.


E como non podía
ser doutro xeito, unha especie que se adapta e resiste tan ben diferentes
condicións e ambientes mariños, é unha candidata perfecta para escapar ó control
humano e comezar a súa propia expansión coma especie, invadindo lugares que non
lle son propios e competindo polo hábitat coas especies autóctonas de cada
zona. É o que ocorreu en moitos dos lugares onde a ostra rizada se cultiva, e
que está levando nalgúns lugares a tomar medidas para tentar controlar a súa
expansión. En España sen embargo, non está incluída no catálogo de especies
invasoras, o que non quere dicir que non o sexa. Como moitos saberedes, a
elaboración do Catálogo español de especies exóticas invasoras, aprobado por
Real Decreto no ano 2013, estivo desde o primeiro momento sometido a unha forte
presión. Hai moitos intereses económicos involucrados e afectados, o que a
piques estivo de botar para atrás a aprobación do decreto. A pesar diso, finalmente
saíu adiante, pero moitas especies exóticas invasoras quedaron fora do
catálogo, e polo tanto, libres polo momento de ser afectadas. Pero isto non
quere dicir que deixen de ser especies invasoras, xa que de feito o son. Por
definición, as especies exóticas invasoras son “especies foráneas (exóticas)
que foron introducidas de forma artificial, accidental ou voluntariamente, e
que despois de certo tempo conseguen adaptarse ó medio e colonizalo. As
especies nativas, ó non ter evolucionado en contacto con estas novas especies,
non poden competir con elas, polo que son desprazadas”. O Real Decreto aprobado
no noso país establece para as especies incluídas no Catálogo, a prohibición
“de posesión, transporte, tráfico e comercio de exemplares vivos ou mortos”. E aquí radica o quid da cuestión, xa que estas tan estritas coma necesarias medidas, van en contra dos enormes intereses creados en
torno a varias especies invasoras. Achegándonos ó caso do que falamos, é doado
imaxinar o que sucedería si a ostra rizada fora incluída no citado catálogo.
Automaticamente a súa produción e venda sería completamente ilegal.
 |
Cassostrea gigas nun penedo xunto con outras especies autóctonas: lámparas (Patella vulgata), mexilóns (Mytilus edulis), chícaros (Littorina littorea) e arneiróns (Chthamalus montagui). |
A ostra propia da ría é a ostra común (Ostrea edulis), da que xa había unha poboación
moi escasa na ría. Non dispoño de datos da súa evolución poboacional na Ría de Ribadeo, nin do impacto que sobre ela está a ter a súa curmá invasora. Pero
atreveríame a dicir que a expansión da invasora debe prexudicar sen dúbida á
autóctona, coa que compite en espazo e alimento. E seguramente non será a única
especie á que prexudique. Segundo os datos de varios estudos científicos “o
impacto biolóxico máis evidente da ostra do Pacífico é o cambio da arquitectura
do substrato onde se establecen as súas poboacións e a modificación da estrutura
e dinámica das comunidades que invade, o que xenera respostas diferentes
segundo o grupo taxonómico considerado. No ambiente onde se establecen alteran
o substrato, a dispoñibilidade de nutrientes na columna de agua, modifican a
dinámica sedimentaria costeira e aceleran o reciclado de nutrientes”. Para
máis información sobre este tema, podedes ler este interesante estudo realizado
en Uruguai:
http://www.smdu.org.uy/93/dosSantos_Fiori_245-252_CSMU93.pdf
Así pois, non
cabe dúbida de que a expansión desta especie invasora pola nosa ría está a alterar a dinámica natural propia do ecosistema local, como o altera a introducción de calquera especie invasora. A clave está en saber si esta alteración pode ser asumida polo ecosistema sin que produza nel unha alteración demasiado grave, ou si pola contra, terá efectos nefastos para algunha especie autóctona, o que sería máis grave.
Non pretende ser
este un estudo sobre tal impacto, senón simplemente un artigo co que quero dar
a coñecer esta situación a quen non a coñeza. E como máis vale unha
imaxe ca mil palabras, aquí vos deixo unhas cantas fotos sacadas na praia do
Cargadeiro, onde se pode apreciar ata que punto chega a colonización desta
especie foránea sobre os penedos da ría. Dicir ademais que as fotos son do
Cargadeiro, pero en calquera outro lugar se poden ver por todas partes.
Imaxes e texto baixo licenza
Creative Commons
Enrique Sampedro Miranda